Todo preparado para que comece a edición máis multitudinaria do Caudal Fest

LugoXa
Paula Alvarellos supervisou esta mañá os últimos labores de acondicionamento do recinto do festival
presentacion-caudal-fest
19 Sep 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do director do festival, Iván Méndez, supervisaba esta mañá os últimos labores de montaxe e acondicionamento do recinto do Caudal Fest, situado na zona fluvial do río Miño, a carón do Pazo de Feiras e Congresos da cidade, que esta fin de semana acollerá a máis de 30.000 persoas, na que será a edición máis multitudinaria do evento. Fixérono xunto ao presidente da Deputación, José Tomé, e do delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, así como do representante de Estrella Galicia, Juan Martínez.

“Dende que no Concello apostamos, en solitario, por poñer en marcha esta cita musical no 2018, o Caudal non deixou de crecer, tanto en volume de asistentes, infraestruturas, como na calidade do seu cartel, que este ano volverá a contar con algunha das bandas e artistas máis importantes do panorama nacional”, lembrou Alvarellos.

O Caudal Fest 2024 vendeu en apenas 24 horas o 60 % dos seus abonos. Neste senso, a alcaldesa destacou “a boa acollida do cartel desta sexta edición, con artistas e bandas de primeiro nivel”. “A calidade do mesmo e o volume e ritmo de venda de abonos é boa mostra da consolidación do festival na nosa cidade”, apuntou.

Alvarellos subliñou, así mesmo, a repercusión económica desta cita para o municipio “tanto desde o punto de vista da ocupación hostaleira, como doutros servizos beneficiados como o comercio, a hostalería, os de mobilidade ou de alimentación, entre outros”, e tamén para as localidades limítrofes, “pois en Lugo xa hai tempo que se acadou o 100% de ocupación e moitos asistentes están a reservar prazas para aloxarse nos municipios da contorna”.

O Caudal Fest 2024 contará de novo co apoio do Concello de Lugo como principal impulsor e dinamizador do festival, desde a súa primeira edición, e con Estrella Galicia, principal patrocinador privado do evento.

A sexta edición do evento, a última gran festa do verán galego, arrincará este xoves coa actuación da banda lucense Virtua Tennis no Coliving Artístico do Carme. O concerto, totalmente de balde, servirá para promover este novo equipamento municipal. A partir das 19:00 horas, o grupo ofrecerá un directo neste recén inaugurado espazo cultural no que mostrarán a súa gran aposta musical, na que combinan os ritmos rotos, con cadencias hip-hop e unha base instrumental na que se mesturan as guitarras e os sintetizadores. Así mesmo, o sábado, ás 15:00 horas, o dúo de DJs lucense Galician Army actuarán nas Caldas do Miño, situadas nas inmediacións do recinto do festival, nun espectáculo que tamén contará con entrada libre.

Con estas dúas actuacións, o Goberno Local pretende incrementar o aproveitamento destes equipamentos municipais e que o festival contribúa, así, a dinamizar o conxunto da contorna fluvial. Segundo a alcaldesa, estas sesións poñen de manifesto, igualmente, a versatilidade de ambas as dúas instalacións para albergar actividades e eventos multidisciplinares.

Programación

Un ano máis, o Caudal Fest traerá á cidade de Lugo un gran número das xiras máis importantes do país. O venres estará protagonizado por Amaral, Viva Suecia, Carlos Sadness, Varry Brava, Huecco, Karavana, Ana Lua Caiano, Xina Mora e Ramón Mirabet. Ademais, o festival engade aos galegos Carlangas y Los Cubatas e Lontreira.

O sábado será a quenda para outro gran número dalgúns dos artistas con máis éxito do país. Mikel Izal, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner, Ladilla Rusa, Tu Otra Bonita, Siloé, Parkineos, e Monoulious DOP, Dani Dicostas e Querido protagonizarán a segunda xornada de Caudal Fest 2024.

Reforzo da seguridade

A Policía Local despregará sete indicativos e unha unidade de atestados durante as dúas xornadas do festival. Os axentes estarán operativos en horario ininterrompido o venres e sábado desde ás 14:00 ata as 06:00 horas da madrugada e levarán a cabo a súa labor de forma coordinada cos dispositivos especiais de Tráfico e da Policía Nacional, que tamén reforzarán os seus operativos respecto a pasadas edicións.

Por outra banda, ademais da importante mobilización por parte do Servizo de Protección Civil, o corpo de Bombeiros dedicará dúas dotacións en horario completo a maiores do servizo ordinario para atender calquera tipo de incidencia no recinto ou na súa contorna.

Tamén haberá un punto violeta contra a violencia machista no que se levarán a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas.

Autobuses lanzadeira

O Concello de Lugo facilitará autobuses gratuítos cada 15 minutos dende o centro da cidade ata as inmediacións do recinto do Caudal Fest, situado na contorna fluvial do río Miño, tanto de ida como de volta, para que os asistentes acudan de forma máis cómoda e segura, como ben sendo habitual dende a primeira edición, durante os dous días de festival.

Os buses lanzadeira sairán dende a Praza de Bretaña en ambas xornadas: o venres 20 e o sábado 21, con saídas continuas desde ás 16:30 horas ata as 03:45 horas da madrugada. “Esta medida obedece á vontade do Executivo local de facilitar os desprazamentos cunha alternativa de mobilidade que, alén de sostible, redunde na mellora da seguridade viaria da cidade ao posibilitar que as persoas asistentes non teñan que depender de vehículos particulares para baixar ao recinto nin buscar aparcamento”, apuntou Alvarellos.

0.17402005195618