Toman posesión 6 novos inspectores e un oficial da Policía Local
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola concelleira Paula Alvarellos e polo Intendente da Policía Local, Jesús Piñeiro, efectivizaba esta mañá a toma de posesión de seis Inspectores e un oficial logo de que os sete superaran tanto o proceso de promoción correspondente como a fase de prácticas.
A rexedora trasladou os seus parabéns a todos os efectivos polo seu nomeamento, desexándolles sorte no desenvolvemento do seu cometido, “dunha gran relevancia e responsabilidade, sempre ao servizo público de Lugo e da súa veciñanza”.
“Trátase dun día importante para o Concello – sinalou Lara Méndez – en tanto a cobetura de postos xerárquicos nos permite optimizar a organización das patrullas o que contribúe a mellorar tamén a seguridade cidadá”, sinalou a alcaldesa.
Durante o acto, o Intendente da Xefatura, Jesús Piñeiro, agradeceu á rexedora e a todo o equipo da área de Persoal “os esforzos que se levan realizado para, pouco a pouco, acadar que a estrutura xerárquica da Policía Local de Lugo sexa acorde á dunha capital de provincia”.