Tomé destaca a colaboración institucional para consolidar a provincia de Lugo como escenario habitual da Vuelta

O presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, entregou este domingo na Praza da Compañía de Monforte o galardón a Mads Pedersen, ciclista que se proclamou líder da etapa 15 da Vuelta. A fase, cun percorrido de 167 quilómetros, comezou en Vegadeo, Asturias, e atravesou nove concellos lucenses antes de rematar en Monforte de Lemos.
Tomé Roca estivo acompañado polo director xeral da proba, Javier Guillén, así como polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e varios membros do Concello de Monforte.
O presidente provincial destacou a importancia da colaboración da Deputación neste evento, e lembrou que “desde a institución provincial colaboramos nesta edición cunha achega de 100.000 euros. Grazas ao patrocinio que vimos mantendo nos últimos anos, conseguimos que Lugo se consolide como escenario habitual deste evento de alto impacto mediático e internacional”.
O presidente sinalou que a Vuelta xera un elevado impacto económico e de proxección, xa que “se trata dunha proba que, entre organización, equipos e medios, mobiliza a unhas 3.000 persoas. Polo que estamos a falar dun elevadísimo impacto económico directo que, segundo os informes técnicos, sitúase arredor do 1,9 millóns de euros para a nosa provincia. Ademais, non podemos esquecer que a Vuelta se retransmite en 190 países, cunha audiencia global de arredor de 400 millóns de persoas”.
A etapa 15 presentou un perfil de media montaña e percorreu as comarcas da Montaña lucense e da Ribeira Sacra. Tras pasar por San Martín de Oscos e Santa Eulalia de Oscos en Asturias, atravesou A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, O Corgo, Láncara, Sarria, O Incio e Bóveda, culminando finalmente en Monforte de Lemos pola rúa Doutor Casares.