Tomé explica a decisión de someter o proxecto da Ronda Leste a estudo
A Deputación esixe á Xunta que “cumpra coa Lei e responda ás alegacións” que lle presentou o pasado mes de abril, onde, ademais dun novo estudo ambiental, detectou outras tres “graves irregularidades” no proxecto: incumpre o PXOM; non aporta Estudo de Impacto e Integración Paisaxística; e presenta danos críticos na contorna do Rato.
"A Xunta dálle a razón á Deputación de Lugo na Rolda Este". Así o subliñou o presidente da institución provincial, José Tomé Roca, quen remarcou que o Goberno galego “por fin rectifica” e vese na obriga de someter o proxecto a unha nova Declaración de Impacto Ambiental, porque a que presentou no trámite de información pública está caducada, tal e como xa advertiu a Deputación nas alegacións que presentou o pasado 17 de abril e que expuxo publicamente o propio mandatario provincial nunha rolda de prensa.
A Deputación coñeceu a través dos medios de comunicación a decisión da Xunta de tramitar un novo estudo ambiental, “outra falta de respecto institucional”, porque aínda non contestou ás alegacións que lle presentou hai 7 meses nas que xa advertía desta e doutras irregularidades.
Polo tanto, a institución esixe ao Executivo autonómico que “cumpra coa Lei e conteste as alegacións, como considere oportuno, pero debe responder”, pois está vulnerando a Lei 8/2013, de 28 de xuño, de Estradas de Galicia, que, no seu artigo 21.4 establece o seguinte: “Transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase responsa motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante porase a disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás que se lles tivese dado trámite de informe e aso particulares que tivesen presentado alegacións”.
As alegacións da Deputación, baseadas en informes elaborados polos servizos técnicos da institución, recollen en concreto catro irregularidades:
- PRIMEIRA IRREGULARIDADE: A Declaración de Impacto Ambiental está caducada. Data do 29 de novembro de 2004 –hai 19 anos- e, ademais, a Xunta fixo un cambio substancial no trazado con respecto ao proxecto de 2003
- SEGUNDA IRREGULARIDADE: O proxecto incumpre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo
- TERCEIRA IRREGULARIDADE: A Xunta vulnera a lexislación vixente porque non aporta un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística, como recolle a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia
- CUARTA IRREGULARIDADE: O proxecto presenta impactos críticos no Rato a nivel ambiental, visual e dos usos do Parque Periurbano, porque modifica substancialmente a xeomorfoloxía do terreo e a paisaxe. Contempla cortar 7 hectáreas de carballos centenarios, arrasa coa Carballeira de Bosende e prevé un terraplén de 24 ms. de altura.
“Rolda Leste si, pero non a calquera prezo”
O Presidente reiterou que a Deputación de Lugo está a favor de construír a Ronda Leste “porque é moi necesaria, pero non de calquera maneira, nin a calquera prezo”. Por iso, presentou alegacións ao proxecto, recalcou José Tomé, quen reclama ao Goberno galego que presente unha proposta “axeitada a nivel técnico, legal e ambiental”.
A “marcha atrás” que dá a Xunta agora ao ter que tramitar unha nova Declaración de Impacto Ambiental demostra que os 6M€ que incluíu nos Orzamentos deste 2023 “foron un conto” para “tratar de impulsar á candidata do PP en Lugo”. “O tempo danos a razón, e non só non se fará este ano nin un metro de obra, como sempre dixemos, senón que se retrasará a súa execución”. “Esperamos que non volvan a incluír a mesma cantidade nos presupostos, porque seguirían mentindo ós lucenses”, advertiu.
“Explicacións e responsabilidades”
Así mesmo, esixiu explicacións e responsabilidades polo sucedido. A Conselleira de Infraestruturas “pasa os días atacando ao Goberno do Estado e aos concellos que non son da súa cor política”, mentres é a responsable “desta chapuza monumental, técnica e politicamente”, que “non pode quedar disimulada nun mero comunicado de prensa”.
O Presidente recalcou que “todo o que está feito a día de hoxe da Ronda Leste é obra do Goberno autonómico do Presidente Emilio Pérez Touriño, que, en catro anos, construíu a primeira fase desta circunvalación, e deixou licitada a elaboración do proxecto da segunda fase”.
Pola contra, cando Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta no 2009 “paralizou todo”, relatou José Tomé, incidindo en que “durante 14 anos non fixeron nada, mesmo chegaron a borrar a Ronda Leste dos Orzamentos da Xunta”.
Neste ano electoral, “e cando a ex Alcaldesa de Mondoñedo quixo aspirar á Alcaldía de Lugo”, subliñou, “sacaron este proxecto do caixón do esquecemento por puro interese electoral, como se fose un anónimo”. Unha afirmación que avalou recordando que a candidata popular á Alcaldía de Lugo “votou en contra de que a Xunta de Galicia dotase de orzamento á segunda fase da Ronda Leste cando era Deputada provincial en iniciativas que se debateron no Pleno”.
“Piden consenso, pero non contaron para nada coa Deputación”
O Presidente da Deputación incidiu tamén na “falta de credibilidade” do Goberno galego cando di agora que busca o consenso, pois “non contou nunca para nada coa Deputación”, unha administración directamente afectada porque é a xestora da Reserva da Biosfera Terras do Miño e ademais ten a titularidade de terreos na zona.
Se “realmente” establecera un diálogo “leal e respectuoso” co resto de administracións e “non actuase só por interese electoral”, o Presidente mostrouse convencido de que “sacaríamos adiante o proxecto da Ronda leste que os lucenses necesitamos para seguir avanzando na mellora da mobilidade, polo tanto, no desenvolvemento social e económico da provincia”.