Tomé preside a celebración do Día de Santa Rita

LugoXa
A Deputación festexa Santa Rita cunha homenaxe a 45 traballadores que deixaron de prestar servizo na institución nos últimos tres anos
Santa Rita Deputación
26 Maio 2022

O pasado luns, 23 de maio, foi o Día de Santa Rita, patroa do funcionariado. Por iso, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, presidiu hoxe, no Pazo de San Marcos, a celebración dunha homenaxe a 45 traballadores da Deputación que deixaron de prestar servizo na institución dende maio de 2019.

No acto estiveron presentes a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deputados e deputadas provinciais, así como os presidentes da Xunta de Persoal, Antonio Chaín, e do Comité de Empresa da institución, Gonzalo Rodríguez Ferreiro.

O Presidente dirixiuse aos participantes no acto agradecéndolles en nome propio e no da Deputación o seu traballo, compromiso co público e traxectoria profesional, e fíxoselles entrega dun agasallo institucional. Subliñou que “as institucións valen tanto como valen as persoas que traballan nelas, e eu teño a honra de presidir unha gran institución porque teño a sorte de contar cun cadro de persoal formado por grandes profesionais”.

O mandatario provincial incidiu en que o obxectivo do traballo dos empregados públicos é a cidadanía. “Debemos garantir que os veciños e veciñas da provincia de Lugo reciben uns servizos públicos áxiles e de calidade, uns servizos públicos modernos, que respondan cun ritmo axeitado ás demandas da sociedade. Esta debe ser a finalidade que guíe sempre o traballo nas administracións públicas”, explicou.

0.22446894645691