Tomé reforza o apoio ao campus de Lugo e asina o manifesto cidadán

LugoXa
No acto, celebrado no Salón de Plenos, participaron alcaldes e representantes de entidades asinantes do documento: “Un éxito de participación, que demostra o compromiso dos concellos, do tecido asociativo e do conxunto da sociedade coa defensa dos intereses xerais e co desenvolvemento social e económico da nosa provincia”.
firmantes manifesto cidadan apoio campus de lugo
16 Xan 2024

No acto, celebrado no Salón de Plenos, participaron alcaldes e representantes de entidades asinantes do documento: “Un éxito de participación, que demostra o compromiso dos concellos, do tecido asociativo e do conxunto da sociedade coa defensa dos intereses xerais e co desenvolvemento social e económico da nosa provincia”.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou este martes no salón de plenos o manifesto cidadán en apoio do Campus de Lugo. A iniciativa, promovida pola Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti e o colectivo Galicia Baleira, conta hoxe con máis de cen concellos e colectivos adheridos, e reforza “a defensa do noso Campus” que sempre fixo a institución provincial, destacou José Tomé no acto, no que participou o presidente da entidade veciñal, Jesús Vázquez, e a Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, así como alcaldes, alcaldesas, e representantes das entidades que se sumaron ao movemento cívico.

“Trátase dun éxito de participación, que, para min, é un gran motivo de orgullo, porque demostra o compromiso que ten o tecido asociativo e o conxunto da sociedade lucense coa defensa dos intereses xerais, e co desenvolvemento social e económico da nosa provincia”, asegurou o Presidente.

José Tomé lembrou que, dende o primeiro momento no que saltou a posibilidade de recortes nas titulacións, foi “claro e contundente: A Deputación de Lugo rexeita frontalmente calquera redución na oferta formativa do noso Campus, e utilizaremos todos os recursos ó noso alcance para impedila”.

Así llo trasladou o mandatario provincial no seu momento ao reitor da USC, Antonio López: “Estaremos vixiantes na defensa práctica do Campus, e vinculamos a continuidade do convenio anual de colaboración económica da Deputación coa Universidade de Santiago a que se manteñan as titulacións”, reiterou.

A Deputación tamén defendeu o Campus ante a Xunta de Galicia, “a administración coa máxima responsabilidade neste ámbito porque ten as competencias en educación”. De feito, a Corporación aprobou por unanimidade en novembro unha proposta do Goberno provincial esixindo ao Goberno autonómico “que garanta as titulacións do Campus de Lugo e que modifique o decreto regulador das ensinanzas universitarias oficiais para pechar a porta aos recortes”. Un apoio unánime acadado así mesmo no Parlamento de Galicia grazas a unha Proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista.

“Estamos comprometidos co Campus por convicción e por coherencia”, remarcou o Presidente, pois “a Deputación de Lugo foi clave para a propia creación do Campus Universitario, e ségueo sendo na súa mellora e defensa”. “A nosa aportación supera amplamente o millón de euros, e sitúanos como a Deputación Provincial de toda España que máis recursos económicos achega á Universidade pública”, asegurou.

José Tomé concretou que entre as diferentes vías de colaboración da Deputación coa USC destacan un convenio de colaboración anual de preto de 400.000 euros; a Granxa Experimental de Leite, “un laboratorio vivo do que non dispón ningunha outra Universidade do Estado”; a cesión gratuíta de terreos para facultades, centros de investigación e servizos educativos que xa están en funcionamento, e tamén para crear a nova Facultade de Formación do Profesorado; ou as prácticas do alumnado na propia institución.

“Un dos grandes motores da provincia”

“Cremos na educación pública, universal e de calidade, como ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades, e cremos que o noso Campus é un dos grandes motores da provincia: pola propia actividade que xera a comunidade educativa na economía local; porque nos axuda a reter e a atraer talento; e pola transferencia de coñecemento e innovación que fai ao tecido produtivo, sobre todo ao primario”, concluíu o Presidente, que dixo estar disposto a “seguir colaborando e mesmo a intensificar esa colaboración, pero sempre en defensa dos intereses da provincia de Lugo”.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños agradeceu o compromiso do Presidente da Deputación, así como de todas as entidades locais e asociativas adheridas ao movemento cívico, e valorou a disposición do reitor da USC a manter unha reunión, mentres, lamentaron, a Xunta non contestou. “Hai un mes que pedimos unha reunión co Conselleiro de Educación, que veu o sábado a Lugo, pero non deu sinais de vida. A Xunta non está nin se lle espera”.

Na sinatura do manifesto en apoio ao Campus participaron o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Alcalde de Castroverde, José María Arias; a Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín; o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández; o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena; o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez; e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, ademais de representantes de colexios e asociacións profesionais, e de colectivos sociais e culturais de toda a provincia.

0.21769499778748