Tomé reitera que a viaxe en tren entre Lugo e Ourense será de menos de 45 minutos
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asegurou que quen “realmente está enganando aos lucenses é o señor Jaime de Olano cando, sen saber nada de ferrocarril, anda contando mentiras que non están sustentadas en datos fiables”. O mandatario provincial pronunciouse así ante as declaracións do Deputado do Partido Popular no Congreso nas que o acusaba de mentir cando asegurou que, unha vez finalizadas as obras de modernización da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense nas que o Goberno do Estado está facendo un investimento histórico de 550 millóns de euros, a viaxe en tren entre a capital lucense e a ourensana para coller o AVE será de menos de 45 minutos.
“Sería bo que un profesional da mentira como o señor Olano aprendese a facer unha regra de tres simple, porque os datos son os seguintes: entre as estacións de Lugo, Monforte e Ourense media unha distancia, en números redondos, de 115kms., e os trens que van prestar servizo entre Ourense e a capital lucense son os que ata agora están prestando servizo de Ourense a Madrid, é dicir, os denominados Alvia”.
Uns trens que teñen prevista unha velocidade de circulación por esta nova vía que está en construción de 200kms/h, “cunha media de 160kms/h, tendo en conta o tempo de aceleración e freada, igual que sucede cos trens Avril, que, aínda circulando a 300kms/h, a media está en torno aos 250kms/h”.
Con estes datos, Jaime de Olano “debería pedirlle desculpas aos lucenses, xa non dicimos ao Partido Socialista, que é o que está facendo as obras da Velocidade Alta, mentres o Partido Popular paralizou todas as obras, segundo o Tribunal de Contas que nomeou Rajoy”. Neste sentido, o mandatario provincial lembrou que “quen anulou o contrato da Estación Intermodal de Lugo foi o Partido Popular, e quen deixou caducar os Estudos de Impacto Ambiental das variantes ferroviarias que deixara en marcha o Ministro Pepe Blanco foi o Partido Popular”. Desta forma, “non estaría de máis que o señor Olano e o PP deixen de mentirlle aos lucenses e que lles pidan desculpas”.