Toño Núñez, escritor de ‘Mea Culpa’: “A escrita é o mellor medio para expresar os sentimentos e a beleza”
Jessica Fernández
Para quen non o coñeza, quen é Toño Núñez?
Un home… Mestre xubilado, futbolista e cantante frustrado, escritor pouco coñecido… argalleiro consumado. Definirse a si mesmo non é doado... Aspiro a morrer sen deixar moito mal feito ó meu arredor, ós meus semellantes e ó medio no que vivín.
De onde vén esa paixón pola literatura, a poesía e, en xeral, a escritura?
Ata que cheguei ó Instituto Masculino de Lugo, con 11 anos, só lera un libro: Genoveva de Brabante, o único que había na Casa do Souto de Vilamenixide. Lino moitas veces. Con aquel libro gocei e chorei moito. Na casa e na escola de Navia tampouco había libros máis alá da enciclopedia Álvarez. Nunca lin cómics nin literatura infantil e xuvenil. Xa en Lugo, no estudo, comecei a ler as lecturas que nos propoñían na materia de Literatura no instituto e, despois, en Maxisterio. Tamén lin moitas novelas de vaqueiros mentres alindaba as vacas; disto non me arrepinto, aprendín vocabulario e certo “oficio”. En realidade, nunca fun, nin son, un gran lector. A chamada da escrita foi bastante temperá. Non sei ben por que… Por imitar os e as escritores e escritoras que escribían textos que a min me gustaban, por destacar en algo que me parecía que se me daba ben, por expresar no papel o que non era quen de verbalizar oralmente, por liberar medos e enerxías negativas a xeito de catarse, porque gozaba e gozo facéndoo… Supoño que por todo isto á vez. Debía de ter 15 anos cando escribín o meu primeiro poema, moi becqueriano el, en castelán. No segundo, xa me pasei ó galego e á poesía cívica, pois nel falaba do Gran Suarna, aquel encoro que quixo anegar a vila de Navia de Suarna e boa parte das terras do noso concello e doutros concellos veciños. Sendo xa profesor, escribín un relato, presenteino a un concurso e déronme o primeiro premio, e iso axudoume moito a crer en min e a tomar máis en serio a afección pola escrita.
Cre que é necesario para a alma expresar o que sente?
Para min, a escrita sempre foi o mellor medio para desabafar e para expresar os sentimentos e a beleza.
O seu lugar de orixe, Navia de Suarna, é un lugar que lle inspira?
En Navia de Suarna cheguei ó mundo e fun, pouco a pouco, descubrindo a realidade que me rodeaba: natural, familiar, social, lingüística… Eu creo niso de que a infancia, e a mocidade, son a patria do home e da muller (Rilke). Alí, afúndense as miñas raíces e alí está a esencia do meu ser. E como eu só sei escribir do que coñezo, e ese mundo é o que mellor coñezo, inevitablemente, no pouco que eu levo escrito, Navia e as súas xentes están, case sempre, están moi presentes.
Que máis lle inspira?
En todas as facetas da vida, medramos grazas ós referentes. No meu caso… Rosalía, Castelao, Fole, Celso Emilio, Neira Vilas, Antonio Machado, Miguel Hernández, Rivas, Olga Novo… Tamén bebín e bebo moito nas fontes da literatura popular.
De que obra se sente máis satisfeito?
Da obra que máis satisfeito me sinto é da familia que fomos creando a miña compañeira de vida e máis eu. No literario, non sei… o conxunto. Quizais os primeiros libros publicados sexan os que máis ilusión che fan. Moi pouco a pouco, foi medrando a colleita. Teño un feixiño de libros para nenas e nenos, máis dunha ducia, dos que me sinto ben satisfeito, algúns deles, mesmo traducidos a outras linguas: castelán, portugués e portugués do Brasil. Publicar o primeiro libro para adultos, ‘Navia, Nai’, foi todo un acontecemento para min. Tamén teño unha recompilación de poesía, ‘Poemas de Amor en Outono’, e outra de relatos ‘Mea culpa’ que me levan dado e me seguen dando moitas alegrías. Os poemas musicados, máis de trinta… Os textos publicados na prensa… Mais, si, o conxunto é o que máis valoro.
Gústalle máis escribir obras infantís ou obras para adultos?
Normalmente, a un gústalle máis facer aquilo que mellor se lle dá. Comecei a publicar algúns contos que escribía para as miñas alumnas e alumnos de Infantil. Despois, chegaron as nosas fillas e foi moi gratificante escribir tamén pensando nelas. Mais non é doado entrar na mente das nenas e dos nenos, entender e saber dirixirse ós seus intereses. Escribir para lectoras e lectores adultos resúltame, quizais, máis doado porque un escribe historias que a un mesmo lle gustaría ler; o caso é ter talento para facelo con calidade. Que me gusta máis? Depende das circunstancias e do momento.
O seu último libro, Mea Culpa, que quere expresar?
É un libro moi heteroxéneo, sen unidade temática, en contra do que se leva agora. Nada orixinal, os temas universais da literatura: amor, desamor, dor, inxustizas… a condición humana… o destino, o azar, o suicidio… a vida e a morte. Ata inclúe un relato dedicado á felicidade. Non hai ningún relato que non aborde algún tipo de conflito humano ou social, polo tanto, penso que invitan á reflexión; ou esa foi a miña intención ó escribilos.
Un escritor, unha escritora, nace ou faise?
Velaquí a eterna pregunta. Eu creo moito na xenética. Se no físico nos parecemos ós nosos pais e antepasados, como non imos parecernos no emocional e no intelectual? Eu penso que nacemos cunhas potencialidades, despois, as circunstancias axudarán ou impedirán, en maior ou menor medida, que esas potencialidades se manifesten e desenvolvan. Eu non creo niso de que todos podemos ser escritores, músicos, pintores… Se eu tivese que vivir do volante, poñamos por caso, mal me iría por moito que me esforzase.
Ademais da escritura, tamén participa e organiza actos culturais. Que papel ten a cultura na súa vida?
Nacín na aldea, na agricultura. Despois, as circunstancias leváronme polo camiño da cultura e nel sigo. Agricultura, cultura, cultivar.... Seguramente sexa o campo no que mellor me desenvolvo e o que mellor me permite ser eu mesmo. A humanidade non avanzaría sen a cultura, material e inmaterial, entendendo a cultura como acumulación de experiencia e de coñecemento. Como profesor, transmitín coñecemento; como escritor, móvome máis no ámbito da faceta creativa.
A vida en comunidade é clave para unha vida feliz e plena?
Penso que a vida feliz, plena, é unha aspiración permanente e un logro intermitente. En todo caso, cantar, nun coro, fregando ou nun xantar con amigas e amigos, axuda moito a que a vida sexa máis amable; o mesmo que cultivar a amizade.
E con respecto a súa etapa como mestre, cales son as experiencias vitais que se leva?
Do ensino, o que máis me gustou sempre foi a relación humana que se establece co alumnado. Transmitir valores positivos dende a coherencia sempre me pareceu tan importante ou máis que transmitir coñecementos. Atoparme agora con ex alumnas ou ex alumnos e saber que lles vai ben dáme moita alegría. Aprendín, sobre todo, a entender a diversidade e a controlar as emocións, máis alá de mellorar día a día na miña competencia profesional, dado que a formación inicial fora moi deficiente.
Cales son os seus proxectos futuros? Ten en mente outra obra?
Si, quero recuperar algúns proxectos que teño iniciados e aparcados dende hai tempo. Un deles vai dirixido, precisamente, a público infantil, un traballo literario e musical. Tamén teño agardando os Balbinos, unha saga dunha familia moi viaxeira que xa quere emprender novas viaxes; primeiro por diferentes pazos da xeografía galega e, despois, polos Ancares. A maiores, gustaríame escribir un libro epistolar dirixíndome a un personaxe clásico da literatura galega co que me identifico moito. A ver… a modiño.