Toño Núñez presenta a súa obra en Navia
A literatura está a ser unha das protagonistas durante a programación deste verán promovida pola asociación Irmandade Naviega, que segue a impulsar a oferta cultura da zona. Dende o colectivo poñen en marcha varias presentacións literarias cos seus autores. A primeira veu da man de Belén Gopegui, que presentou Pequeñas Heridas.
Este sábado é a quenda de Toño Núñez que, acompañado polo crítico literario e profesor Armando Requeixo e a secretaria da asociación Olimpia López, presentará a súa obra Mea Culpa a partir das 20.00 horas no salón de plenos do Concello de Navia. Mea Culpa é un libro de relatos que inclúe, a maiores, un epílogo de Requeixo no que o mindoniense fai unha radiografía literaria da obra do naviego. Contén 33 relatos escritos ó longo da súa vida de moi diversa temática, estilo e extensión.
Celebra os 65 anos de vida
Trátase dun libro de recolleita e de celebración, algo característico en Núñez. Neste caso, saca este volume de relatos para celebrar o ter chegado ós 65 anos de vida. En boa medida, son relatos nos que a ficción e as vivencias persoais se ensarillan e se confunden constantemente ó transformárense en materia literaria. Ó longo do libro, a través destes relatos, o autor naviego aborda temas moi recorrentes na literatura.
Entre eles, trata o amor e desamor, especialmente centrado na etapa adolescente e primeira mocidade, a morte, a soidade, a enfermidade, o suicidio, as inxustizas sociais, a influencia do azar ou do destino na vida das persoas, o machismo, os malos tratos, a timidez e os complexos… Mesmo, dedícalle un relato á felicidade.
Tamén lles rende homenaxe a autores que son referencia paraNúñez: Fole, Neira Vilas, Cunqueiro, Rivas… Celso Emilio Ferreiro… Así, aparecen, como loairas, algunhas páxinas de realismo máxico, outras cunha clara influencia da literatura oral, realismo sociolóxico ambientado no rural e no urbano… Un libro moi heteroxéneo na temporalidade dos relatos, no oficio, na forma, na temática, na extensión… Aínda así, o seu autor confía en que, a pesar desa heteroxeneidade e desa inequívoca influencia dos seus mestres literarios, as e os lectores atopen nel algo que lles faga pensar que a literatura de Toño Núñez ten personalidade propia.