Toño Núñez presenta a súa obra 'Mea culpa' nun ateigado salón de actos do IES Lucus Augusti
Por Jessica Fernández.
Arredor de 100 persoas ateigaron o salón de actos do IES Lucus Augusti, máis coñecido como 'o Masculino' de Lugo, na presentación do libro 'Mea culpa' do escritor de Navia de Suarna, Toño Núñez.
Durante o evento, que comezou ás 20.00 horas deste xoves, 13 de xuño, o autor estivo acompañado polo poeta e editor, Xulio Valcárcel, e polo crítico literario e autor do epílogo do libro de Núñez, Armando Requeixo, que presentaron ao autor como un "escritor cunha literatura madura", xa que ademais o seu libro é unha composición de 33 relatos cos que Toño Núñez recolle toda a súa vida (arredor de 40 anos) dedicada á literatura e co gallo do seu 65 aniversario.
Concretamente, Armando Requeixo, sostivo que Toño Núñez na súa recente obra segue os 10 mandamentos literarios:
- "Amarás a boa litetatura sobre todas as cousas, xa que é un excelente narrador, poeta e escritor infantil.
- Non tomarás a boa literatura en van, xa que expresa no seu libro a matriz da nosa esencia e recolle o memorialismo rural e a escrita idílica da xuventude;
- Santificarás os bos libros, xa que recolle os 40 anos de Toño sendo escritor;
- Honrarás ao pai e a nai, xa que nesta obra fai referencia aos pais da literatura galega, facendo homenaxes a Cunqueiro, Novoneyra, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro...
- Non matarás, xa que celebra a vida a través da escrita, así como se refire aos afectos e ás ausencias, ás traxedias…
- Non cometerás actos impuros, xa que os diálogos son verosímiles, todo ten un sentido, e é unha literatura pura.
- Non roubará, xa que non oculta os diálogos interliterarios, cita as voces que lle serven de guía e as enxalza.
- Non darás falso testemuño nin mentirás, xa que é unha literatura auténtica, incluso autobiográfica, aínda que maquillada.
- Non consentirás desexos nin actos impuros, xa que é unha escrita social comprometida co seu tempo; é un militante da xustiza social.
- Non cobizarás os bens alleos, xa que non opaca a ninguen, é unha persoa que fai por convivir neste complexo mundo literario".
Pola súa parte, un Toño Núñez visiblemente emocionado, deu as grazas a todas as persoas que encheron o salón de actos do IES Lucus Augusti e lembrou os momentos que pasou nel, sostendo que moitas das historias que se atopan en 'Mea culpa' están inspiradas nese lugar onde pasou gran parte da adolescencia e que tamén lle xerou esa necesidade de "ser un labrego da palabra".
Finalmente, convidou ás persoas alí presentes a impoñerlle unha "penitencia" a tanta culpa da que só se sente responsable de "escribila" nun libro cheo de realismo máxico e sociolóxico, pero sobre todo, heteroxeneidade, "como a vida mesma".