Traballadoras da limpeza de Lugo manifestáronse de novo no primeiro día de folga

LugoXa
Traballadoras e traballadores da limpeza de Lugo comezaron este luns a súa folga indefinida en demanda dun convenio colectivo digno.
concentracion folga limpeza lugo
16 Out 2023

Traballadoras e traballadores da limpeza de Lugo comezaron este luns a súa folga indefinida en demanda dun convenio colectivo digno. Fixéronno cunha concentración na praza de Santo Domingo diante da sede da CEL.

"Trátase dunha folga máis que xustificada pola falta de avances na negociación e a miserenta oferta presentada pola patronal, xa que suporía deixar as traballadoras na total precariedade", din os convocantes.

Ao berro de "pouco salario para tanto traballo" ou "se non amañamos non limpamos", o persoal protagonizou unha nova mobilización onde denunciaron o bloqueo ao que a patronal, nomeadamente á asociación estatal ASPEL, ten sometida a negociación colectiva.

O paro afectará a todas as traballadoras e traballadores regulados polo convenio provincial de limpeza de edificios e locais (unhas 1800 persoas) que prestan servizos en comunidades de propietarios, domicilios particulares, centros de saúde, residencias, centros de día, centros educativos, instalacións deportivas, museos, estacións de autobuses, bibliotecas, industrias de toda índole, almacéns loxísticos, supermercados, centros comerciais, oficinas bancarias ou dependencias policiais e de bombeiros.

Non está chamado á folga o persoal dos servizos limpeza do hospitais públicos, a universidade ou as dependencias da Xunta que teñen convenio propio, así como o persoal das empresas do sector que contan con convenio de seu.

0.19561696052551