Traballadoras do SAF comezan un peche nas instalacións do Concello de Lugo

Un grupo de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar iniciou un peche no Concello de Lugo para esixir condicións laborais dignas e un salario acorde á responsabilidade que asumen cada día.
A edil, Maite Ferreiro, quixo trasladarlles o seu respaldo e puxo en valor o labor fundamental que desempeñan no coidado das persoas maiores e dependentes.
Ferreiro subliñou que estas profesionais “precisan dun sistema público galego de atención ás persoas, porque, como elas mesmas din, son quen coidan e sosteñen a vida”. A concelleira lembrou que o seu traballo garante o benestar de milleiros de usuarios en toda Galiza, cunha atención diaria, próxima e humana que resulta imprescindible para o funcionamento do sistema de coidados.
Desde o BNG insisten en que a reivindicación destas traballadoras é “lexítima e necesaria”, e advirten de que non é posible manter un servizo esencial sen asegurar condicións laborais estables, xustas e recoñecidas. Ferreiro concluíu que o peche evidencia “o desgaste e o cansazo acumulado”, pero tamén “a determinación dun colectivo que leva anos reclamando o que lle corresponde”.