Traballadores de Coren maniféstanse ante a fábrica en Outeiro de Rei

A CIG desenvolveu na mañá deste luns unha concentración diante de Coren Agroindustrial en Bonxe contra a represión sindical e para exixir a readmisión dun traballador despedido, que foi candidato pola CIG nas últimas eleccións sindicais celebradas nesta fábrica.
O secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, subliña que esta decisión empresarial non ten xustificación e incide en que o traballador despedido foi candidato nas pasadas eleccións sindicais e ao tempo está inmerso nun proceso de solicitude de recoñecemento das antigüidades reais do persoal neste centro de traballo.
López denuncia que “Coren vén a resultar unha das empresas líderes en represión e persecución sindical en toda Galiza”, e avanza que, en paralelo á demanda para que se declara a nulidade do despedimento presentada polo compañeiro, a CIG levará adiante as accións sindicais necesarias “até que se teña unha solución definitiva”.
Así mesmo, e con vista no seguinte proceso electoral para o vindeiro ano, “animamos o persoal de Coren a non calar, a non ser cómplices da represión e do medo que aplica esta empresa e a defender o dereito á liberdade sindical e sen ataduras”.