Traballadores do Concello e veciños afectados pola planta de Coeses quéixanse no pleno
Veciños das parroquias afectadas protestan á entrada do Pleno do Concello de Lugo pola planta proxectada en Coeses. Tamén protestaron os traballadores do Concello que piden cambios na política laboral municipal. Dende o PP instan ao ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia a velar polo estricto cumprimento normativo no proxecto e tamén que se estuden as alegacións presentadas e conforme a lei sexan atendidas e tidas en conta.
Con respecto ao cadro de persoal municipal Elena Candia pregúntase cando se vai a actualizar a Relación de Postos de Traballo e insisten en que “é imprescindible ter plantillas ben dimensionadas e motivadas para poder dar un bo servizo á cidadanía”. Rubén Arroxo defendeu no último pleno que a Xunta paralice este proxecto, dentro dunha emenda presentada á proposición do PP. Arroxo ironizou co punto de acordo orixinal proposto polos populares que reclaman que o proxecto a executar cumpra estritamente coa legalidade vixente, e afirmou que "obviamente, calquera proxecto para poder levarse adiante ten que cumprir coa legalidade vixente, mais aquí o problema é a afectación que esta planta vai ter na veciñanza da contorna".
Ante o rexeitamento do PP a esta emenda, o BNG presentou unha proposición ao vindeiro pleno buscando o acordo da corporación para que a Xunta promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses. "Estamos ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Arroxo, que engadiu "trátase dun proxecto que conta cunha grande oposición por parte da veciñanza, que xa presentou alegacións a este proxecto".
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha localización alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". O Goberno autonómico declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan reducida a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo.
Pola súa parte, o grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Lugo mantivo un encontro con preto de cen veciñas e veciños. No transcurso do encontro lembrouse que despois de que o Concello denegase a licenza para o proxecto, no 2022, non se recibiu ningún tipo de solicitude sobre a planta de biometano, aínda que a alcaldesa Paula Alvarellos compromoteuse a informar á veciñanza no momento en que se pida a licenza.
Investimentos para a Tinería
No último pleno, tamén se aprobou, co voto en contra do Partido Popular, a proposta do BNG para reclamar á Xunta que dedique ao barrio da Tinería os preto de 20 millóns de euros proxectados para a construcción da Rolda Leste. "Despois de que a Xunta recoñecese que ten que elaborar unha nova Avaliación de Impacto Ambiental, paralizando o intento da Xunta de levar este proxecto adiante coa oposición de gran parte das veciñas e veciños de Lugo, é hora de investir na recuperación dun dos barrios con máis potencial de Lugo ", afirmou Arroxo.
Engadiu que "o abandono da Tinería pode verse moi claramente nas escavacións arqueolóxicas da UI-7, un espazo actualmente valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade, unha zona que podería ser un centro de investigación e un polo de atracción de visitantes para a cidade".
Toda a veciñanza de Lugo “pode ver como o barrio da Tinería leva igual desde o 2009, mentres que o BNG conseguiu un recoñecemento da ONU para o proxecto de renovación deste barrio, o PP déixanos un pazo que data de hai máis de 1.000 anos apuntalado", explicou Arroxo. O portavoz do BNG afirmou que "o 90 % dos investimentos executados no barrio da Tinería realizáronse nos anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno, foron máis de 20 millóns de euros investidos na recuperación deste barrio", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "os distintos gobernos do PP executaron en 18 anos menos do 10% do total".