“Traballamos de forma integral coas familias xitanas de Lugo, desde o nacemento ata o final”

LugoXa
Falamos con Manuel Vila, Tamara Caloro e Ana López, que conforman a directiva da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo, sobre o traballo da entidade
Asociación-de-Promoción-e-Integración-Xitana-de-Lugo
7 Sep 2025

Jessica Fernández

A Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo naceu no ano 1983 a raíz da creación dunha escola ponte no poboado do Carqueixo, pensada exclusivamente para os nenos xitanos que alí vivían. "Levaron alí mestres, como eu, para axudar aos nenos", lembra Manuel Vila, presidente da asociación, quen viviu de primeira man a transformación daquela comunidade. Ao pouco de traballar coa infancia, decatáronse de que o problema ía máis alá do ámbito educativo. "Vimos que non só había que traballar no campo educativo, senón que había que facer un traballo integral de todo, porque a situación naquel momento era... non de terceiro mundo, senón de... ¡décimo mundo!", afirma Vila. Naquela época, o poboado situábase ao carón dun vertedoiro municipal onde se queimaba lixo. "As chabolas eran de plástico, de táboas... Non había auga corrente nin alcantarillado. Os nenos ían descalzos, comían case o que se tiraba ao barrio. E non tiñan seguridade social", recorda.

Foi nese contexto no que xurdiu a asociación, coa intención de mellorar a calidade de vida das familias xitanas. Así, comezaron por atender o educativo, pero tamén o sanitario e o administrativo. "Comezamos a inscribilos no rexistro civil. Menos mal que colaborou moito un crego que había en Albeiros, que xa faleceu, Don Luis Soto Camino. Bautizaba a esas persoas, e así, a partir do bautismo, iamos cada semana coas familias ao rexistro civil", conta Vila. Grazas a iso, moitas persoas puideron conseguir o seu DNI.

Para contextualizar, Manuel Vila explica que as familias xitanas de Lugo descenden dun matrimonio falecido nos anos 40, que tivo 12 fillos. Hoxe, a súa descendencia espállase por toda a provincia de Lugo, Ourense, Madrid… O asentamento no Carqueixo remóntase a 1974. "Os xitanos non foron alí porque si", aclara Vila. Historicamente, o pobo xitano era nómade, vencellado ao mundo rural: trataban cabalos, recollían vimbio e facían cestos que trocaban nas aldeas. Nos anos 60, coa industrialización, moita xente marchou do campo á cidade. "Coa chegada do plástico e os cambios na economía, os cestos e as cabalarías deixaron de ter valor, e os xitanos tamén empezaron a achegarse ás cidades". En Lugo, asentáronse en Fingoi, pero a expropiación das vivendas nesa zona obrigounos a marchar. "Decidiron levalos ao monte municipal do Carqueixo, onde podían recoller chatarra, xa que alí había un vertedoiro. Foi unha forma de darlles saída, pero tamén unha maneira de marxinalos, para que non molestasen", manifesta.

Naquel espazo illado, onde nin sequera pasaba o bus urbano, comezaron a achegarse unhas monxas xosefinas que puxeron en marcha unha escola infantil. Máis adiante, uníronse profesores maristas e finalmente o Ministerio de Educación, decidiu poñer en marcha unha escola ponte con mestres públicos. "Foi nos anos 80, coa transferencia de competencias á Consellería de Educación, cando se creou a escola ponte e mandáronnos a nós, mestres públicos. As monxas seguiron atendendo á escola infantil, que acabou funcionando dentro da asociación que puxemos en marcha no 83".

A escola ponte pública pechou en 1996 e a escola infantil cesou o seu labor no 2006 por falta de recursos. Desde entón, os nenos e nenas do Carqueixo integráronse nos colexios da cidade. "Promoveuse unha liña de bus urbano que recollía aos nenos no Carqueixo e os levaba a As Gándaras, o primeiro colexio que os acolleu, e tamén a Nadela". A pesar deste avance, para Vila a escola infantil “xogaba un papel clave”, especialmente coas mulleres. "A escola estaba no propio poboado e tiña un fin social. Controlábase a muller desde que estaba embarazada, poñíase en contacto co médico e seguíase todo o proceso de embarazo e nacemento dun neno, acompañabámolas para escribir o nome no rexistro de vida, os nenos ían á escola desde pequenos... Controlábase todo", explica. Hoxe, grazas ao traballo da asociación, a realidade mudou radicalmente. "No poboado do Carqueixo quedan sete chabolas e unhas 36 ou 37 persoas; o resto viven en vivendas normalizadas, algunhas en propiedade e outras en vivenda social". Segundo Vila, coñecen a todas as familias, "agás algúns que chamamos invisibles, que pasan desapercibidos". Levan máis de 30 anos traballando pola comunidade.

O TRABALLO DA ASOCIACIÓN

Na sede da Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo, o traballo diario xira arredor dun principio fundamental: a familia como eixo vertebrador. Así o explica Tamara Caloto, quen subliña que as actuacións da asociación se articulan arredor de cinco ámbitos clave: educación, vivenda, emprego, formación e cultura. “Intentamos que o traballo sexa integral, porque se só traballas, por exemplo, no ámbito do emprego, pero non hai unha vivenda ou unha formación, ese programa queda baleiro”, afirma. Desde o momento do nacemento, a asociación realiza un seguimento que acompaña a cada persoa na súa traxectoria vital: inscrición no rexistro civil, escolarización infantil, seguimento educativo e control do absentismo. Para iso, contan co apoio dunha coordinadora de escolarización marxinal, dependente da Consellería de Educación, que colabora estreitamente coa entidade. Este enfoque permite que, mesmo cando chega unha familia nova, poidan integrarse rapidamente na rede de apoio comunitaria.

Unha das estratexias que defenden con maior convicción é a dispersión, entendida como unha vía eficaz cara á normalización social. A asociación promove que a matrícula escolar se faga de forma equilibrada, evitando a concentración do alumnado xitano en centros concretos, aínda que admiten que non sempre é doado pola localización das vivendas sociais. “Se nos coñecemos entre nós, despois as diferenzas non son tan grandes”, conclúe Caloto, apelando á necesidade de convivir para superar os prexuízos. Así, defenden que non deben existir  guetos nin barrios marxinais, xa que a convivencia mixta favorece a integración e reduce os prexuízos. Concretamente, “os xitanos que quedaron en pobos pequenos están máis normalizados”, explica Caloto. “Ao seren pobos, os nenos foron ao colexio, coñecéronse entre eles, integráronse no mundo do traballo e mesmo hai matrimonios mixtos”, engade Vila.

En canto ao perfil das persoas coas que traballan, é moi diverso. Desde familias completamente integradas, que apenas precisan apoio, ata outras en situacións de exclusión máis severa. A evolución, non obstante, foi notable. “Os cambios nos últimos 30 ou 40 anos foron enormes”, afirma Ana López, quen afirma que “agora temos localizadas a todas as familias xitanas de Lugo e traballamos con todas elas, polo que hai moitísima máis normalización da súa situación que antes”.

COMO LEVAR A CABO ESE TRABALLO

A Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo depende exclusivamente da financiación pública para levar a cabo os seus proxectos, aínda que a contía e o momento en que chega varía moito ao longo do ano, xa que moitos dos programas teñen carácter temporal e están ligados a subvencións de duración determinada. Con todo, o obxectivo é garantir que “ningún dos ámbitos que falabamos antes quede en ningunha época do ano colgado”.

A principal fonte de ingresos procede da Consellería de Política Social, que financia dous programas importantes con cargo ao IRPF, na coñecida “casilla 07”. Un deles céntrase no acompañamento integral ás familias xitanas e outro está enfocado ao ámbito educativo, ofrecendo apoio escolar e seguimento nos centros educativos. Tamén contan con programas puntuais relacionados coa inserción laboral, como itinerarios formativos e cursos para a obtención do carné de conducir ou o desenvolvemento de competencias profesionais. Estes teñen unha duración limitada, en función do tempo que require cada formación.

Ademais, a Deputación Provincial de Lugo concede cada ano unha subvención nominativa destinada á rehabilitación de vivendas. Esta axuda permite executar reformas nos fogares das familias xitanas, nas que a entidade achega a man de obra e as propias familias os materiais. “A reforma das casas implica ás familias porque proporcionan os materiais e tamén aprenden o oficio”, destacan dende a Asociación. Porén, advirten dun problema recorrente: a contía da subvención leva anos sen actualizarse, mentres que “o custo da vida sobe, o convenio colectivo do traballador tamén, e iso fai que se reduza o tempo de traballo ou poidamos atender a menos familias”. Porén, recoñecen que “se non fora por esta subvención, moitas non poderían reformar as súas vivendas. Xa é difícil atopar quen che faga unha obra; se ademais es xitano, van co prexuízo de que non lles vas pagar”. Ademais, explican que o traballo desde a asociación non só é a conservación das vivendas, porque “non consiste só en sacar á xente do chabolismo e darlle unha vivenda sen saber que significa comunidade e vida comunitaria”. É preciso, tamén, formar ás familias para que participen activamente na vida comunitaria.

Polo que respecta ao Concello de Lugo, este subvenciona o funcionamento do local da Asociación, cubrindo gastos como auga, luz ou teléfono. Con todo, sinalan que a contía “segue igual que hai 20 anos” e a situación faise cada vez máis insostible: “A luz subiu, todo custa máis, tivemos que cambiar a fotocopiadora… e aínda non cobramos a subvención do ano 2024, estando en 2025”.

Un dos proxectos que a Asociación destaca como exemplo do seu labor de sensibilización é a exposición Historia e cultura do pobo xitano, que estivo no Vello Cárcere e foi, segundo aseguran, “todo un éxito”. A mostra, composta por 18 paneis, percorre a historia, a cultura e as achegas do pobo xitano á sociedade galega e española, e está pensada especialmente para os centros educativos. “Buscamos rachar cos estereotipos e o descoñecemento que aínda persisten sobre esta comunidade”, explican. Deseñada pola Asociación de Enseñantes con Gitanos, a exposición pretende achegar ao alumnado e á cidadanía unha visión documentada e real dunha historia que, como din, “nunca aparece nos libros de texto”. Para a Asociación, é “unha mágoa que un pobo que forma parte de España desde hai 600 anos e do que forman parte un millón de persoas sexa tan descoñecido. Se non coñecemos a nosa historia, se non nos coñecemos, malamente podemos entendernos”.

NECESIDADES E FUTURO

En canto ás necesidades actuais, a entidade denuncia a inestabilidade do sistema de subvencións. “Os nosos programas son anuais, e a día de hoxe só sabes o que vas ter ata finais de ano. Ademais, algunhas subvencións chegan cando o programa xa rematou, polo que hai que adiantar o diñeiro”. Con todo, comentan que, ademais das tres persoas da directiva, contan con tres mestras na actualidade, pero demandan continuidade: “As familias necesitan persoas de confianza, tratamos temas delicados, e é importante coñecerse mutuamente e coñecer unha problemática que evoluciona no tempo”. A súa actividade implica tecer redes de seguimento, atención e coordinación co resto de entidades, tanto públicas como privadas, actuando como ponte co centro de saúde, co colexio, ou facendo tarefas burocráticas como a declaración da renda. “Facemos de xestoría, de psicólogo, de mestre, de traballador social… polo que temos que ser persoas que eles coñezan e coas que se sintan confianza, ao igual que é mellor ter persoas que xa comprenden como funciona todo en vez de cambiar cada ano”.

Mirando cara ao futuro, a prioridade é “manter os programas que xa temos en marcha”, destacan, pero tamén queren potenciar a formación no ámbito da vivenda, un aspecto que consideran clave para garantir a integración real: “Non temos vivendas dispoñibles para todos, nin recursos para xestionar todo. Ademais, se xa é difícil acceder a un alugueiro para calquera persoa, se es xitano, non tes opción; a xente non cho aluga”. A Asociación insiste en que o seu traballo é a longo prazo: “Traballamos para a quinta xeración. O que fixemos hai anos vese agora, e o que facemos agora verase no futuro. É unha carreira de fondo”. Así, a pesar das dificultades, manteñen o compromiso de seguir traballando “para que pouco a pouco vaia mellorando a integración do pobo xitano na sociedade e que a súa percepción tamén cambie, adaptándose á realidade”.

⚙ Configurar cookies
0.16544079780579