Traescola presenta o novo libro de Xerardo F. Santomé

LugoXa
A Tradescola acolle a presentación do CONCHA DE LUNEDA A vida nunha cantiga no salon de actos do LUG2 ás 19.00 horas.
presentacion libro xerardo santome cantigas concha de luneda
21 Abr 2023

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, realizará hoxe unha nova actividade de promoción e difusión da música tradicional. Concretamente, preséntase o libro Concha de Luneda, a vida nunha cantiga no salon de actos do LUG2 (na Tradescola - Pintor Corredoira 4- Lugo) ás 19.00 horas.

Estará presente o seu autor, Xerardo F. Santomé, que presentará esta publicación que non so é un libro de cancións e relatos folclóricos, senón unha expresión gráfica das memorias e vivencias desta muller contadas nos últimos vinte anos da súa vida.

Xerardo F. Santomé, é Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural. Titulado en Maxisterio pola Universidade de Granada, Músico popular e Activista cultural galego e membro fundador e presidente da Asociación Gaiteiros da Xistra de Coruxo. Maniféstase publicamente en contra da invasión das gaitas marcianas. Desde moi novo traballa e colabora co movemento asociativo e veciñal e todo tipo de colectivos dedicados á dinamización social e cultural galega. Así mesmo, leva máis de 40 anos centrado nos traballos de investigación etnográfica e gravación de melodías, cantos e labores tradicionais pola vilas e aldeas de Galicia e moi especialmente no Baixo Miño Galego e o Alto Minho portugués. Sobre elo ten participado como conferenciante en moitas xornadas organizadas por diferentes entidades e organismos. Ademais, ten editados diversos libros, vídeos e artigos e aportado materiais do seu arquivo ós repertorios dos principais grupos de música folc e tradicional do panorama galego.

"Concha de Luneda, a vida nunha cantiga non é un libro unicamente de cancións e relatos folclóricos; ou cando menos non é esa a intención inicial. O que se pretende é dar expresión gráfica de todo canto a nosa protagonista estimou contarnos ao longo dos últimos vinte anos da súa vida", explica o autor.

Unha historia que vai desde Barbeita (Monçâo-Portugal) ata Luneda pasando por Arbo e Parada de Achas. Unha historia real de como unha muller, ao igual que outras moitas da Paradanta e o Alto Minho portugués, enfrontouse a unha vida chea de traballos e esforzos por sobrevivir nunha época dura, moi dura, nunha zona abandonada e afastada dos centros urbanosonde o benestar evoluciona cara a mellores tempos.

Unha historia marcada pola diferenza de xénero e a relixión como único abeiro posible onde aferrarse na procura de respostas a tanta desgracia.

Malia todo, tamén é unha historia de grandes vitorias individuais e sociais aínda que para nós, «os modernos», non sexan máis que pequenas batallas gañadas. Pero sobre todo é unha historia chea de sabias cantigas que, ben situadas polo libro adiante, con seguridade describirán toda unha vida. Cantigas, que ademais, como acontece no caso da nosa Concha, presumen un final feliz.

Entrada libre ata completar aforo.

0.24206686019897