Trasdescola celebra hoxe o fin de curso cun concerto na praza Maior
Hoxe, xoves 15 de xuño, a partir das 17.00 h, a Tradescola celebrará o primeiro dos finais de curso cun concerto de música e baile tradicional que terá lugar no Fondo da Praza Maior de Lugo. Nesta actividade actuará o alumnado dos grupos infantiles e xuveniles da Tradescola acompañados polos seus mestres
Con este acto, no que colaboran a área de Cultura da Deputación de Lugo e a área de cultura do Concello de Lugo, a escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos inicia a recta final do curso no que participaron máis de 270 alumnos en aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais das aulas específicas para os máis pequenos.
A Asociación de Gaiteiros Galegos obtivo un balance moi positivo deste curso, no que ademais das aulas impartidas, puideronse realizar numerosas actividades de promoción e difusión da cultura tradicional tanto na cidade de Lugo como en distintas comarcas da provincia.
No último semestre, a Tradescola levou a cabo numerosas actividades como os concertos didácticos para escolares celebrados en Sarria, Antas de Ulla, Cervo ou Lugo, os concertos Sons de Maio, a representación do Folión de Entroido, presentación de publicacións, a celebración dos Maios, a organización dunha nova edición do certame de debuxo para escolares de toda a provincia sobre “Os instrumentos da música tradicional galega”, o programa “5 Lúas Cantando e Sementando”, unha actividade xestionada pola Tradescola na que os escolares de 6º de Educación Infantil lucenses tiveron ocasión de poder traballar nos hortos dos seus centros educativos, e ademais aprender sobre a nosa cultura tradicional.