Traxandaina avanza no seu proxecto 'Espazo Relembra' mediante a creación de dúas novas webs

O grupo etnográfico Traxandaina continúa avanzando no seu proxecto Espazo Relembra mediante a creación de dúas novas webs: unha dedicada á propia agrupación e outra exclusivamente centrada nesta iniciativa.
Ambas plataformas complementarán e reforzarán a actividade do local que Traxandaina está a acondicionar no barrio da Tinería, en Lugo.
A nova sede, que albergará o Espazo Relembra, concentrará o traballo de Traxandaina na investigación, conservación e difusión do traxe tradicional como parte fundamental da identidade cultural de Galicia.
A presidenta da agrupación, Teresa Astorgano, foi a encargada de confirmar esta avance durante unha visita á futura sede, onde tamén participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
A vertente dixital do proxecto, impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua, permitirá achegar o labor de Traxandaina ás persoas interesadas, especialmente ás comunidades galegas no exterior, facilitando o acceso á información sobre a tradición do traxe galego e a súa conservación.
Durante a visita, Valentín García destacou o traballo do colectivo Traxandaina no "estudo, restauración e reprodución dos traxes, rescatando unha parte esencial do noso patrimonio". No marco do Día das Letras Galegas, adicado este ano ás cantareiras, lembrou que "foron elas as que axudaron a transmitir, de xeración en xeración, a música, a poesía popular e as tradicións, incluídas as vestimentas".
Pola súa banda, Javier Arias explicou que a Xunta está a realizar a reforma dun baixo de propiedade situada na rúa Miño, que se cede á entidade para a instalación do Museo da Vestimenta e outros espazos dedicados á promoción da cultura tradicional galega. "Deste xeito, damos un paso máis na rehabilitación do conxunto histórico de Lugo para devolverlle a relevancia que lle corresponde", comentou.
O Espazo Relembra representará un punto de encontro importante para a conservación da cultura galega e a súa difusión, tanto no ámbito local como internacional.