Trece alumnas remataron a súa formación en artesanía e moda sostíbel no Centrad

LugoXa
Trece alumnas remataron a súa formación en artesanía e moda sostíbel en Tecer para medrar, impulsado polo Centrad
alumnas tecer moda sostible deputacion
23 Maio 2023

O deputado Efrén Castro entregou ás alumnas do proxecto formativo Tecer para medrar as certificacións que acreditan a súa participación neste curso de artesanía e moda sostíbel organizado polo Centro de Artesanía e Deseño e a Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (FADAS), dando continuidade ao proxecto Tecer para integrar que se desenvolvera o ano pasado.

Foron 300 horas de aprendizaxe nas que as 13 alumnas completaron os seus coñecementos en técnicas de padroaxe, centrándose nesta ocasión nos padróns a medida, e ampliando as horas de prácticas de confección. Cristina Rodríguez, Isabel Lamas e Tina Cortón foron as docentes encargadas de levar a programación, que incluíu tamén clases de tendencias, upcycling, RRSS e deseño web impartidas por Karol Farias.

Como colofón desta etapa formativa unha das alumnas, Claudia Bonilla, participou en representación das súas compañeiras na recentemente celebrada Gala Lucense da Moda Atlántica, Gluma, cunha colección inspirada nas mouras, confeccionada con tecidos reciclados, tinguida a man con tintes naturais, e toques puramente artesanais como por exemplo o bordado dunha vacaloura, ou os complementos de cerámica e vimbio.

0.11602902412415