Tres alumnos dos IES Xoán Montes, Terra Chá e Dionisio Gamallo gañan os premios extraordinarios de Bacharelato

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Os galardóns foron para Antonio Docando Freire, de Castro de Rei; Lucía Domínguez Pereira, de Lugo, e Angela Alcantara Coto, de Ribadeo
educacion-escolar-alumnos-colexio
7 Dec 2025

A Xunta vén de recoñecer un total de 40 estudantes, 21 mozas e 19 mozos, cos Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico e cos Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao pasado curso 2024/25 polo seu excelente resultado académico baseado no esforzo e no traballo realizado ao longo das correspondentes etapas educativas.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP convoca cada ano estes premios, a razón de 20 para ESO e outros 20 para Bacharelato, co obxectivo de avalar, incentivar e visibilizar a carreira académica dos alumnos destas etapas no sistema educativo galego.

Premios Extraordinarios de Bacharelato

Nesta edición veñen de alzarse cos Premios Extraordinarios de Bacharelato un total de 20 alumnos (10 homes e outras 10 mulleres) de 19 centros educativos a razón de cinco na provincia da Coruña, outros tres de Lugo, tres de Ourense e oito de Pontevedra.

Cada un deles recibirá 1.000 euros ademais dun diploma acreditativo, e a distinción será anotada no seu expediente académico.

Para acceder a estes premios, os galardoados tiveron que obter unha nota media do Bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos, ademais de superar unha proba específica estruturada en dúas partes que abranguen un comentario crítico dun texto así como o desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e exercicios prácticos relacionados coas materias cursadas.

Os premios na provincia corresponderon a Antonio Docando Freire, do IES Terra Chá, José Trapero Pardo de Castro de Rei; Lucía Domínguez Pereira, do IES Xoán Montes de Lugo, e Angela Alcantara Coto, do Dionisio Gamallo de Ribadeo.

Premios da ESO

No que atinxe aos Premios Extraordinarios de Secundaria Obrigatoria, resultaron galardoadas 11 mozas e nove mozos de 17 centros educativos de Galicia, a razón de oito na provincia da Coruña, dous na de Ourense e sete na de Pontevedra.

A Consellería Educación dota cada un destes premios cun galardón de 1.000€ e, ademais, cada persoa galardoada recibirá un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. Os premios son compatibles, así mesmo, con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

Puido acceder a esta convocatoria o alumnado que cursase o pasado ano académico o cuarto curso da Educación Secundaria Obrigatoria e que obtivese no conxunto da etapa unha nota media igual ou superior a nove puntos. Os presentados deberon, así mesmo, realizar unha proba específica sobre cuestións teóricas e prácticas relacionadas co currículo de 4º de ESO.

⚙ Configurar cookies
0.081680059432983