Tres alumnos lucenses recoñecidos entre as mellores traxectorias académicas
A Xunta de Galicia acaba de recoñecer as mellores traxectorias académicas de 12 estudantes de Ensinanzas Artísticas, seis deles cos Premios Fin de Carreira para o alumnado de Ensinanzas Artísticas Superiores de Música, de Deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais; e outros seis cos Premios Extraordinarios na modalidade de Ensinanzas Artísticas Profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño, que remataron os seus estudos no curso 2021/22.
Ambas modalidades de galardóns foron creados co fin de recoñecer o esforzo, traballo e dedicación do alumnado cunha traxectoria excelente nestes estudos. No caso dos Premios Fin de Carreira, dotados con 3.500€ e no caso dos Premios Extraordinarios de Ensinanzas Artísticas Profesionais dotados cun premio de 1.000€, ademais dun diploma acreditativo e dunha distinción que constará nas súas certificacións académicas. Ademais este últimos poderán optar aos Premios Nacionais de Ensinanzas Artísticas Profesionais.
Destes doce premiados tres son alumnos de escolas lucenses. Na modalidade de Premios Fin de Carreira un dos recoñecementos é para Belén Cordero Rodríguez deseñadora gráfica da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo. Nos Premios Extraordinarios de Ensinanzas Artísticas Profesionais dentro da modalidade de música dous alumnos de Lugo foron recoñecidos. Por un lado Carla Gómez Iglesias (clarinete), do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba, e Mario Rabanal Freire (violín), do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo.