Tres atletas do CD Biosbardo estarán no Campionato de España por Seleccións

O Club Deportivo Biosbardo continúa a consolidarse como referente do trail galego ao achegar tres corredores á Selección Galega Absoluta que competirá no Campionato de España por Seleccións, organizado pola Federación Galega de Atletismo.
Este importante dato supón que un terzo do equipo absoluto galego estará formado por deportistas do CD Biosbardo, sendo tamén o club que máis representación achega ao combinado autonómico, o que reafirma o excelente traballo que a entidade está a desenvolver nesta disciplina, na que xa é campión galego por equipos.
Entre os seleccionados destaca Tamara García, vencedora de probas tan destacadas como o Trail Costa da Morte ou o Trail Terras de Burón. Esta será a súa segunda participación nunha cita nacional, logo do seu debut no Campionato de España individual de carreiras de montaña 2024, celebrado en Candelada (Ávila).
Federico Losada, logo de varios meses liderando o ranking e actualmente situado na segunda posición, repite convocatoria coa selección. Cunha tempada marcada pola regularidade, Losada é recoñecido como un corredor combativo, estratéxico e especialista na distancia “classic”, a mesma que se disputará no campionato.
Completa o trío Marcos Pascual, que debuta coa Selección Galega tras un final de ano e comezo de tempada espectaculares. Especialista en distancias longas, Pascual ten sido un nome habitual nos podios das principais carreiras por toda Galicia.
Con esta convocatoria, o CD Biosbardo reafirma o seu lugar entre os mellores clubs de trail do país e continúa a escribir páxinas de éxito no atletismo galego.