Tres modalidades e meta no Cebreiro: así é a cuarta edición dos Ancares Cycling Marathon

LugoXa
A proba, organizada polo Clube Ciclista Cidade de Lugo co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, homenaxeará a Santiago Seijas
Ancares-Cycling-Marathon
22 Xuño 2024

O vindeiro 11 de agosto celebrarase nas estradas da comarca dos Ancares a cuarta edición da proba ciclista  Ancares Cycling Marathon, organizada polo Clube Ciclista Cidade de Lugo co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As estradas de Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro serán o escenario do evento, que mestura deporte e natureza e que volverá a ter a meta no Cebreiro.

O ciclista ruso Pavel Tonkov, gañador do Giro de Italia en 1996 e de varias etapas da rolda italiana e de La Vuelta nos anos noventa, será o dorsal número 1 dun pelotón no que, como en anteriores edicións, se agarda a participación de afeccionados e afeccionadas de todo o Estado. A proba homenaxeará a Santiago Seijas do Club Ciclista Cidade de Lugo, atropelado na edición do ano pasado mentras colaboraba na seguridade da proba.

O vicepresidente da Deputacion de Lugo Efrén Castro dedicoulle a súa intervención, lembrando “que puxo a súa vida en perigo para salvar outras moitas vidas, de non ser por el o sucedido sería inda moito máis grave”. “A mellor homenaxe que lle podemos facer é seguir coa proba”, sostivo, lembrando que “foi un dos ideólogos desta proba. Confiaba moito en que tivera éxito, e así foi”.

Tres percorridos e meta no Cebreiro

O responsable da organización, Ezequiel Mosquera, explicou os cambios no inicio do trazado, que suporán que a carreira transcurra, nos primeiros quilometros, polos concellos bercianos de Vega de Valcarce e Balboa. Na presentación, conducida polo xornalista deportivo Terio Carrera, participou  Juan Paz, do Clube Ciclista Cidade de Lugo - que lembrou tamén o papel de Santiago Seijas na posta en marcha desta proba-, os alcaldes de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, de Cervantes, Benigno Gómez, e das Nogais, Jesús Núñez, e a concelleira de Xuventude, Festas e Servizos Sociais de Navia de Suarna, Eva Fernández – que coincidiron en destacar a repercusión da proba nos seus concellos -, Alberto Fernández, Xefe Provincial de Tráfico, e patrocinadores privados.

A proba ofrece tres itinerarios, con distintas distancias e  niveis de dificultade para facilitar a participación de persoas afeccionadas ao ciclismo de todas as idades e condicións físicas. A modalidade Gran Fondo supón 110 quilómetros, cun desnivel acumulado de 3.262 metros; Medio Fondo serán de 81,2 quilómetros e Mini Fondo, 57,7 quilómetros. As inscricións poden realizarse na web do evento

0.2249710559845