Tres novas confirmacións na programación de San Froilán 2021
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, avanzou novas actividades do programa do San Froilán 2021. A Verbena Galega D’Antes volverá un ano máis ao programa do San Froilán, o 11 de outubro no recinto situado no exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire. Maite Ferreiro destacou que “a Verbena Galega D’Antes situouse nos últimos anos como un dos grandes atractivos do programa do San Froilán”. O evento, organizado pola escola OxeitO, recrea as tradicionais verbenas dos anos 40 e 50 con actuacións de música e baile tradicional.
A edil de Cultura anunciou tamén dous novos concertos para esta edición do San Froilán. Jenny and the Mexicats e La La Love You, que se situarán, respectivamente, na praza Horta do Seminario e na praza de Santa María o vindeiro 4 de outubro.
Jenny and the Mexicats nace da unión da trompetista e cantante inglesa Jenny Ball, o percusionista David González e os irmáns Pantera e Icho Mexicat na guitarra e no baixo respectivamente. Nos seus 13 anos de carreira musical publicaron 5 álbumes de estudo e foron nominados como mellor banda nos premios 40 principales de 2014. Interpretan temas de flamenco, jazz, folk ou cumbia.
O grupo Indie La La Love You conseguiu no mes de outubro de 2020 gañar o premio MTV EMA a mellor artista español. Este ano foron galardoados como Mellor Artista Revelación nos Premios Odeón, e están nominados na categoría Mellor Canción nos Premios da Música Independente. Contan cun disco de Ouro e un disco de Platino e máis de 30 millóns de reproduccións na plataforma Spotify.
RECINTO FEIRAL
"O goberno municipal ten que actuar con responsabilidade e o único que pedimos que a normativa imposta polo Xunta sexa clara" dixo Maite Ferreiro que tamén se referiu ao "autoproclamado" representante dos barraquistas e industrias feriantes, Angel Gregorio Gutiérrez Cobos "foi cabeza de lista e é concelleiro do PP no concello de Villaturiel en León". "Lamentamos que persoas que nunca instalaron as súas barracas en Lugo e que están claramente politizadas, por ter un cargo no partido que ocupa as filas das oposición, veñan tratar de dar leccións a quen goberna con responsabilidade" aclarou Ferreiro que remarcou o "o diferente talante" que mantiveron as persoas que si montan en Lugo e que coñecen o recinto habitual do San Froilán.
Para Maite Ferreiro "é normal" a postura adoptada por Javier Árias pois ve a un correlixinario de partido no representante dos barraquistas e ten que buscar un sitio na politica local. "Resulta sorprendente que as liortas entre a actual grupo municipal do PP e o Delegado da Xunta impidan que se actúe con seriedade no concello, que o PP falte ás comisións de festas e que se unan a manifestacións, inducidas politicamente, como vimos o outro día". A Concelleira de Cultura recalcou "o goberno da cidade, dende a súa resposabilidade non vai permitir que as liortas internas do PP afecten en decisións que afectan á saúde de todas e todos".