Tres novos vehículos reforzan o servizo de limpeza de Lugo
A alcaldesa lucense, Lara Méndez, coñeceu, acompañada do concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, os tres novos vehículos que se acaban de incorporar a Loce Lugo, o servizo de limpeza da cidade e mantemento de espazos públicos.
“Estamos a renovar e ampliar a flota para mellorar e optimizar o coidado do noso municipio segundo os requisitos que lle esiximos á Ecolugo, a nova empresa concesionaria da limpeza e recollida de lixo”, sostivo, e destacou que a adquisición destes vehículos foi en concesionarias da cidade, “porque é importante tamén para impulsar a economía local”.
Incorpóranse unha furgoneta eléctrica no marco da aposta do Concello por rebaixar as emisións contaminantes, así como dous tractores multiusos que, entre outras funcións, servirán para seguir reforzando os desbroces na cidade.
A rexedora incidiu en que “o aumento deste tipo de recursos implicará acadar maiores cotas de limpeza e incrementar os niveis de satisfacción da poboación lucense, así como facilitar novas ferramentas ao persoal de Ecolugo no desempeño das súas funcións, que redundará en mellores resultados”.