Tres plataformas veciñais piden unha moratoria dos proxectos eólicos
Tres plataformas veciñais da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras do Burón, piden a unha moratoria dos proxectos eólicos na Reserva.
"A potencial implantación de 307 novos aeroxeneradores na Reserva da Biosfera, 42 complexos eólicos, que se sumarían aos 326 xa existentes que son con 12 complexos eólicos, coloca en alto risco a declaración de Reserva da Biosfera debido á degradación ambiental causada polo impacto acumulado desta proposta de invasión eólica", din dende a Plataforma.
Conxuntamente, as plataformas veciñais Xente de Oscos-Eo, Stop Eólicos Negueira e Eólicos na Mariña, Así Non, solicitaron esta semana aos xestores da Reserva da Biosfera e aos 14 concellos que a configuran a adhesión á campaña organizada pola Alianza Enerxía e Territorio, Aliente, que busca solicitar ao Comité Español do Programa Man and Biosphere (MaB) - que xestiona as Reservas da Biosfera a nivel estatal - unha moratoria de tódolos proxectos industriais enerxéticos que afecten ás Reservas da Biosfera, ate que se realice o “estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas e termo solares, incluída a repotenciación, e infraestructuras asociadas en territorios declarados Reserva da Biosfera en España” que o propio Comité Español do Programa MaB, acordou encargar ao Consello Científico de dito Programa.
A campaña conta xa coa adhesión de 21 Reservas da Biosfera e case 260 colectivos, entre eles algún órgano xestor (como os casos das Reservas da Biosfera de Allariz e da Sierra de las Nieves); e na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón xa ten máis de 70 apoios.
Estas plataformas solicitaron tamén unha reunión cos xestores da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e coa Asociación InterEo, que aglutina aos 14 concellos da Reserva, para discutir a problemática eólica e o posicionamento ante a mesma.
Máis información da campaña en: https://aliente.org/moratoria-cientifica-reservas-de-la-biosfera