Turismo de Galicia formaliza un patrocinio anual co Club Baloncesto Breogán

LugoXa
Este patrocinio non só respalda a un club histórico do baloncesto galego, senón que tamén contribúe á promoción do turismo deportivo
Xunta-de-Galicia-patrocinio-CB-Breogán
21 Mar 2025

Turismo de Galicia formalizou un patrocinio anual co Club Baloncesto Breogán, cunha achega institucional de 242.000 euros.

Este patrocinio non só respalda a un club histórico do baloncesto galego, senón que tamén contribúe á promoción do turismo deportivo como ferramenta desestacionalizadora do destino. Segundo Merelles, esta colaboración reafirma o compromiso da Xunta coa promoción turística do municipio de Lugo, unha aposta que se estende a diversas áreas como eventos, festivais, o impulso do Camiño Primitivo e o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística no ámbito da enogastronomía.

Merelles destacou que o departamento de Turismo de Galicia investiu máis de un millón de euros nestas actuacións durante o ano 2024. Ademais, subliñou que o patrocinio do equipo de baloncesto vai máis alá da simple difusión da marca en eventos deportivos. O obxectivo é aproveitar o calendario de competicións, que se desenvolve de setembro a maio/xuño, para atraer a un público en tempadas de menor densidade turística, favorecendo a desestacionalización.

A Estratexia de Turismo de Galicia 2030 establece como unha das súas principais misións a desestacionalización da oferta turística, destinando medidas concretas para promover eventos e actividades que contribúan a este obxectivo. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, o turismo deportivo representou un 1,4% do total en 2023, con 108.623 persoas que visitaron Galicia por este motivo. Ademais, o gasto medio diario dos turistas deportivos é de 125,6 euros, o que o converte nun sector de alto impacto económico para a rexión.

Este patrocinio, que beneficia tanto ao CB Breogán como ao desenvolvemento do turismo en Galicia, subliña a importancia do deporte como motor económico e como atractivo para os turistas fóra da tempada alta.

⚙ Configurar cookies
0.090673923492432