Os socialistas demanda explicacións pola falta de médico en Ribeira de Piquín
O alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, demanda ao conselleiro de Sanidade que "dea explicacións pola falla de médico no centro de saúde” do seu concello. O rexedor denunciou que levan “sen médico que atenda directamente dende principios de decembro”.
“Aquí temos un médico cando coincide e non sabemos cando estará ou non. Non pedimos que se amplíe ningún servizo, simplemente pedimos que haxa un médico diario no Chao do Pousadoiro, a capitalidade municipal”, insistiu. Ante esta situación, a deputada autonómica do PSdeG Patricia Otero avanzou o rexistro dunha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama á Xunta "repoñer, de xeito inmediato, o servizo de atención médica diaria no Centro de Saúde de Ribeira de Piquín".
Na proposición rexistrada, os socialistas advirten de que este ambulatorio conta cunha única praza de médico asignada, “pero dende finais de novembro do ano pasado, esta praza atópase vacante por traslado do seu titular a outro centro”. A deputada asegura que “non se trata dunha situación puntual como alegan dende o Sergas, senón que se converteu nun problema estrutural, xa que a situación está a empeorar e a Xunta de Galicia non toma ningunha medida para revertela”.
Precisamente nestes dias, denunciáronse recortes na atención pediátrica da zona da Ribeira Sacra, xa que moitos centros de saúde do sur da provincia estiveron sen servicio de pediatría. E tamén na Mariña, onde os máis de 1.800 nenos e nenas de entre 0 e 15 anos, do concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol, volveron quedar sen pediatra esta mesma semana. Por iso, demandarán explicacións no Parlamento de Galicia, “para coñecer cando vai repoñer a Xunta o servizo diario de atención médica, e preguntan se o Goberno galego considera que a asistencia sanitaria en Atención Primaria está cuberta de maneira plena, estable e total para a veciñanza de Ribeira de Piquín e a parroquia fonsagradina de Carballido”.
Sinalan ademais que "o concello de Ribeira de Piquín conta cunha veciñanza cunha media de idade moi avanzada, que precisan de máis seguimentos médicos, polo que reclaman a recuperación da atención médica diaria no seu centro de saúde”.