UCIN Lugo denuncia "unha grave crise" sanitaria en varios concellos da provincia

LugoXa | TerraChaXa
Explican que na Fonsagrada, Castroverde ou Cospeito, a escaseza de profesionais obriga as familias a desprazarse longas distancias para recibir atención básica
medico sergas sanidade
1 Aug 2025

"A sanidade rural na provincia de Lugo enfróntase a unha grave crise que compromete a calidade de vida e mesmo a viabilidade dos seus pobos", segundo denuncia Alfonso Hortas, coordinador de UCIN Lugo. A súa denuncia pon voz ao "malestar crecente das comunidades afectadas pola falta de pediatras e médicos de atención primaria, unha realidade que limita o acceso á saúde e acelera o abandono das zonas rurais".

En concellos como A Fonsagrada, Castroverde ou Cospeito, a escaseza de profesionais obriga as familias a desprazarse longas distancias para recibir atención básica, "unha situación especialmente difícil para unha poboación maioritariamente envellecida e con necesidades médicas constantes", explica. Expón tamén que a carencia de pediatras resulta particularmente preocupante: "moitos nenos están sendo atendidos por médicos de familia sen formación específica en saúde infantil, o que repercute negativamente na calidade asistencial".

Ademais, considera que os centros de saúde do rural operan con cadros de persoal claramente insuficientes, "onde un único facultativo debe atender grandes áreas sen horarios definidos, xerando colapsos e esperas excesivas. A situación agrávase cando non se cobren as baixas ou as vacacións do persoal médico, deixando ás veciñas e veciños sen cobertura sanitaria e nun estado de desamparo que alimenta a frustración social".

Hortas reclama unha resposta urxente por parte da Xunta de Galicia. Afirma que "a xestión sanitaria no rural de Lugo adoece de planificación e recursos", e critica que "se prioricen os núcleos urbanos mentres os pobos se converten en desertos médicos".

Para reverter esta situación, propón medidas estruturais: "aumentar a inversión en atención primaria", "ofrecer incentivos para atraer profesionais ao rural" e "garantir contratos estables que eviten a fuga de médicos".

Sen estas actuacións, asegura, "a falta de sanidade non é só un problema de saúde, senón unha sentenza para a despoboación". Por iso, UCIN Lugo esixe que "a Xunta escoite este grito de auxilio e actúe antes de que os pobos lucenses queden sen futuro".

⚙ Configurar cookies
0.16298007965088