Ulloa Viva pide á Xunta que paralice o proxecto de Altri tras as advertencias da UE
A Plataforma Ulloa Viva demanda á Xunta de Galicia a inmediata paralización da tramitación que está a levar a cabo do Proxecto Gama para a instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei. Diante da resposta da Unión Europea feita pública, Ulloa Viva sinala que o estado do encoro de Portodemouros, (do que Altri ten solicitada unha captación de 46 millóns de litros de auga diarios e un verquido de 30 millóns de litros ao día) fai incompatible a macrocelulosa co cumprimento da Directiva Marco da Auga da Unión Europea.
Ademais a Plataforma pide que non se concedan os fondos PERTE a un proxecto que causará un deterioro significativo e irreversible á auga do río Ulla e ós ecosistemas dependentes. O feito de que Bruxelas considere de entrada que este proxecto ten que pasar pola avaliación do artigo 4.7 da DMA, “é que consideran que vai causar un dano significativo á masa de auga, e polo tanto, non podería ser candidata aos PERTE de descarbonización”.
A UE vén de advertir, nunha resposta do Comisario Europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, que o estado do encoro de Portodemouros é “inferior a bo” e incumpre a Directiva Marco da Auga 2000. A pretensión de Altri de captar auga de Portodemouros e o posterior vertido de 30 millóns de litros de auga diarios “tratados” con químicos e a 27 graos de temperatura, “provocaría un dano que faría imposible que esta masa de auga cumpra antes de 2027 a normativa comunitaria”.
Dende o colectivo, expertos en materia de augas destacan que un dos aspectos máis relevantes na aplicación da Directiva Marco das Augas (DMA) en relación coa conservación da auga e dos ecosistemas acuáticos e ribeiregos asociados, céntranse no “principio de Non Deterioro”. Este principio obriga ás administracións responsables a recuperar o bo estado (nos ríos, lagos) ou potencial estado (nos encoros) nas masas de auga afectadas polo deterioro.
Explican que o Comisario Europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius afirmou que este proxecto debería de someterse a unha avaliación completa do artigo 4.7 da DMA, “polo que xa deu por sentado que a actuación que pretende Altri suporá un deterioro das masas de auga, sendo, polo tanto, de obrigado cumprimento esta avaliación en profundidade no Plan Hidrolóxico da Bacía do Ulla”.
Diante desta situación, a Plataforma Ulloa Viva demanda da Xunta de Galicia “que poña fin a este despropósito” da macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei “non só en contra dos veciños e veciñas senón mesmo tamén en contra da legalidade”. A Plataforma advirte que xa alertou en Bruxelas o pasado mes de abril de que o proxecto “incumpre ata 7 directivas comunitarias”. Nun completo informe, feito por expertos en distintos eidos coma o medioambiental, socioeconómico ou patrimonial, Ulloa Viva denunciou nas institucións comunitarias que o proxecto da celulosa en Palas de Rei vulnera a Directiva de nitratos, a Directiva marco da auga 2000/60/CE, a Estratexia da biodiversidade 2030, a Estratexia “de la granja a la mesa”, a nova Directiva na calidade do aire, a Directiva de hábitats ou a Directiva de aves.