Ulloa Viva pide á Xunta “que se poña dunha vez do lado dos técnicos” e desbote o proxecto de Altri

LugoXa
A veciñanza non entende que o goberno galego “siga adiante só en defensa dunha empresa e un proxecto fronte a todo o país"
Altri-non-manifestacion
17 sep 2024

Diante dos últimos acontecementos arredor do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei, a Plataforma Ulloa Viva insiste á Xunta de Galicia “que abandone a súa postura de defensa da empresa fronte ás evidencias técnicas e científicas que deixan claro que o proxecto é un atentado medioambiental e socioeconómico contra o corazón de Galicia”. Para Ulloa Viva no momento actual “queda claro que a Xunta quedou soa na defensa da macrocelulosa”, por iso “demandamos ao presidente Rueda e a todo o seu goberno que atenda a todas as voces que lle están a advertir dos perigos deste proxecto e desbote dunha vez por todas” a macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei.

“Cada vez entendese menos que un goberno que tería que defender o seu territorio e aos seus cidadáns siga empeñado en ir contra a veciñanza e as advertencias dos técnicos para beneficiar a unha empresa privada e catro amigos”. A Plataforma critica que logo de que mesmo o Consello da Cultura Galega (CCG) emitira un informe demoledor contra os posibles efectos deste Proxecto Gama “advertindo mesmo que hai perigo para a saúde da poboación”, a única reacción da Xunta sexa “criticar aos técnicos, criticar ao resto dos partidos e ningunear o clamor popular contra a macrocelulosa”.

A Plataforma reclama á Xunta de Galicia (tanto ao presidente coma ás conselleiras de Medio Ambiente e Economía “as maiores valedoras de Altri-Greenalia) “que abandone o seu negacionismo medioambiental e se poña dunha vez por todas do lado dos técnicos, do lado dos científicos e do lado da veciñanza. Que se poñan do lado de Galicia”. Dende Ulloa Viva “non entendemos que logo de todas as peticións que temos feito ás conselleiras de Medio Ambiente e Economía para que falen cos veciños e veciñas, só reaccionen cando semella que os fondos públicos que piden para Altri non van a chegar, e veñan correndo a Palas de Rei a reunirse cos voceiros do PP, en vez de escoitar aos veciños e veciñas que saímos en Palas o 26 de maio ás rúas, máis de 20.000 persoas”.

Incendios en Portugal

A veciñanza das comarcas afectadas miran tamén con preocupación cara aos incendios que unha vez máis están asolando estes días Portugal. Coma acontecera xa no ano 2017, o país veciño volve a sufrir unha vaga de lumes violentos, destructivos e mesmo con víctimas mortais “de novo polo modelo forestal que as súas industrias pasteiras teñen implementado”, un modelo con 2.400 quilómetros cuadrados de área forestal na que o 80% son eucaliptais. O carácter pirófito desta especie está a volver a arrasar Portugal coma no 2017. A Plataforma Ulloa Viva lembra que xa daquelas, cando houbo perto de cen mortes, a investigación concluiu que o 80% do queimado foron eucaliptos destinados ás industrias pasteiras de Altri e Navigator.

“Non imos consentir que isto pase tamén en Galicia”, advirte a Plataforma Ulloa Viva, “e un goberno da Xunta responsable tampouco o permitiría”. Segundo os seus propios datos, Altri-Greenalia recoñece que empregaría 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, e o informe do Consello da Cultura advirte que habería que plantar 190.000 hectáreas máis de eucaliptos, un modelo forestal aplicado en Portugal que agora está a “arrasar o territorio e mesmo as vidas d2os nosos veciños, “xa eliximos un modelo socioeconómico de éxito demostrado, que redistribúe a riqueza, non vamos dar nin un paso atrás polo beneficio privado de catro ricos que queren ser máis ricos a conta de que os veciños vivamos peor, farémonos valer coa Xunta do noso lado ou sen ela”.

0.14755487442017