Ulloa Viva pide “respecto” a Rueda e que deixe de “politizar” un clamor popular
A Plataforma Ulloa Viva considera “a enésima falta de respecto de Rueda” as declaracións do presidente da Xunta “tentando voltar a politizar unha protesta que é dos veciños e das veciñas” contra a instalación dunha macrocelulosa de Altri no corazón de Galicia. Ulloa Viva vese na obriga de ter que lembrarlle “por terceira vez” en pouco máis dun mes “que os que estamos enfronte do seu proxecto estratéxico e nos negamos a que o instalen no noso territorio somos veciños e veciñas”.
Pídenlle “ao presidente de todos os galegos e galegas que exerza como tal, que abandone as dinámicas electorais permanentes facendo esforzos inútiles por encaixar un movemento cidadán cun obxectivo claro cristalino debaixo das siglas que a el lle ven en gana para poder así, escusarse e eludir as súas responsabilidades”. Recordan que, xa que nunca “se dirixiu a nós nin respostou a ningunha das nosas peticións” a concentración simbólica do domingo pedía simplemente “que o goberno galego escoite aos galegos e galegas, aos 30.000 que onte lle pedimos en San Caetano que paralice o proxecto”.
A Plataforma considera que “xa abonda por parte do presidente da Xunta tentar politizar un problema que xerou el mesmo e o seu goberno, e lémbralle que nos últimos meses os veciños e veciñas xa lle dixemos con 23.000 alegacións, máis de 20.000 persoas nas rúas de Palas de Rei o pasado 26 de maio e 30.000 o día 30 de xuño en San Caetano “que non queremos nin precisamos unha industria contaminante que poña en perigo o noso modo de vida, o noso benestar e a nosa saúde e a dos nosos fillos e fillas”.
Consideran que “o que ten que facer o presidente da Xunta é contestar algunha das nosas peticións dos últimos dous anos e mantermos un encontro no que estaremos encantados de explicarlle e darlle toda a información e documentación asinada por técnicos, expertos e científicos que acredita todos os riscos que o proxecto de Altri vai traer ao noso territorio”.
Aseguran que do que debería preocuparse o señor Rueda é de “mudar de actitude e abandonar a parcialidade que a Xunta de Galicia está a ter neste tema. Deixar de poñerse sistematicamente do lado dunha multinacional estranxeira e poñerse dunha vez por todas do lado dos galegos e das galegas”. Ulloa Viva demanda de Rueda polo menos “o mesmo trato que o PP está a ter coa veciñanza da contorna rural da cidade de Lugo fronte ao proxecto da planta de biometano en Coeses”.