Ulloa Viva reclama a Rueda que non politice o movemento veciñal contra Altri

LugoXa
Afirma que a Plataforma está integrada por persoas de todas as ideoloxías “que non nos presentamos ás eleccións nin a plebiscito algún”
Altri-non-manifestacion
Manifestación de Altri
12 Xuño 2024

A Plataforma Ulloa Viva, diante dunha nova “falta de respecto” do presidente da Xunta aos veciños e veciñas, volve pedirlle “respecto” a Rueda e que “non use á veciñanza coma mercadoría electoral”. A Plataforma lamenta ter que volver repetirlle ao presidente Rueda (por segunda vez no mesmo mes) que “somos veciños e veciñas, xente de todo o país, nunha loita apartidista contra unha macrocelulosa que ameaza o corazón de Galicia”. A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, sinala que dentro da Plataforma Ulloa Viva hai xente de todas as ideoloxías e que Ulloa Viva “nin fixo campaña nin se presentou a unhas eleccións, polo que o presidente da Xunta debería situarse antes de falar”.

A Plataforma critica o feito de que o presidente da Xunta coloque o resultado dunhas eleccións europeas coma “un aval á macrocelulosa, cando que saibamos os comicios non eran un referendo Altri si ou Altri non”. A Plataforma pídelle a Rueda “que exerza coma presidente de todos os galegos e as galegas”, e que “deixe de tentar politizar” ás máis de 20.000 persoas que o pasado 26 de maio saíron ás rúas en Palas de Rei para dicir alto e claro Altri non, e proponlle a Rueda “facer un referendo Altri si ou Altri non se realmente quere velo reflectido nunha votación”.

Marta Gontá volveu pedir “respecto” e “comunicación” á Xunta coa Plataforma Ulloa Viva “que deixen de agocharse detrás da empresa e que non permita que a señora Elena Candia diga que votar o PP é o mesmo que votar a unha empresa privada aínda que só sexa por decencia política, que se poñan diante dos veciños e veciñas para verbalizar o que está escrito no proxecto que están patrocinando para a nosa contorna”. Ulloa Viva considera “gravísimo” este “ataque gratuíto”. Marta Gontá lémbralle ao presidente da Xunta que “levamos dous anos pedindo explicacións sobre un proxecto que atenta contra o noso modo de vida, o noso benestar e a nosa saúde, e ninguén da Xunta se dignou a dirixirse a nós en ningún momento até o de agora”.

Por iso Ulloa Viva considera “fóra de lugar” que o propio presidente da Xunta “tente politizar á veciñanza que só demanda do seu goberno que se explique e que os escoite”. A voceira da plataforma explica que a ameaza de Altri sobre A Ulloa, Terra de Melide, Arzúa, Deza e Arousa deberían ser “as preocupacións” do Goberno galego. “Non é cuestión do resultado dunhas eleccións europeas, senón de que unha contorna enteira lle está a pedir continuidade da nosa vida e o noso futuro, da nosa economía, o noso medioambiente, os nosos proxectos e o noso modo de vida”. A Plataforma dille a Rueda que “está a tempo de parar esta barbaridade, escoitando á veciñanza, ás 23.000 alegacións presentadas contra o proxecto de Altri e ás máis de 20.000 persoas que saíron en Palas o 26 de maio á rúa para decirlle alto e claro Altri Non”.

0.19434905052185