Ultiman as obras de rehabilitación do centro social de Vilalbite
A Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural, financiou as obras de urbanización exterior e rehabilitación do centro social de Vilalvite, obras que están valoradas en máis de 130.000 euros.
As obras que se están rematando ascenden a case 132.000 euros, que son financiadas na súa totalidade pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural.
As obras leváronse a cabo sobre a edificación existente, que era a antiga escola unitaria da parroquia de Vilalvite, e do seu entorno inmediato.
Acondicionouse a parcela onde se sitúa a edificación creando un espazo público para uso e desfrute dos veciños. No entorno inmediato da antiga escola creouse unha superficie horizontal empedrada da que parten a rampla e a escaleira da edificación. No resto da parcela mantívose o estado natural e acondicionouse para aparcar vehículos, mantendo a mesma topografía.
En canto á intervención na edificación existente gardouse basicamente a mesma distribución adaptando o aseo e a rampla para cumprir coa normativa de accesibilidade.
Cambiouse a carpintería e acabados interiores e exteriores e renováronse todas as instalacións.
Rehabilitáronse as cubertas da edificación, incluso estrutura, e acondicionouse a escaleira exterior existente.
Dende o Concello de Friol, o seu alcalde Jose Á. Santos, resalta que “unha vez mais a Xunta de Galicia apoia a Friol con unha obra demandada e necesaria para os veciños da parroquia de Vilalvite, que levan pedindo esta actuación dende fai tempo, e que agora, gracias a este convenio que asinamos coa Consellería de Medio Rural, puidemos facer realidade, unha infraestrutura mais a dispor dos veciños e veciñas co obxectivo de impulsar a vida sociocultural no rural”.