Últimas horas para inscribirse nas actividades deportivas para a mocidade lucense
O Concello de Lugo organizará este verán actividades deportivas totalmente de balde para a mocidade lucense. Así o avanzou o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, quen subliñou que “serán actividades acuáticas no río Miño e tamén de rúa, en diferentes prazas da cidade, co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables entre os veciños e veciñas da cidade e promover a práctica deportiva”.
Deste xeito, as actividades, que darán comezo o 11 de xullo e estenderanse ata o 3 de setembro, inclúen: clases de iniciación ao piragüismo, iniciación ao kaiak polo, rutas en kaiak, paddle sup, barco dragón e acrosport, un deporte que combina acrobacia e coreografía. “Estarán impartidas por monitores titulados e irán destinadas para idades a partir de 5 anos”, explicou Repetto.
En concreto, as actividades actuáticas correrán a cargo do Club de Piragüismo Cidade de Lugo e partirán da escola, situada baixo a ponte nova do río Miño, disporán, así mesmo, de vestiarios e baños axeitados. Para poder participar nelas será imprescindible ter coñecementos de natación. Mentres que a actividade de acrosport será impartida pola escola de danza Gravity, os días 13 e 20 de xullo en dúas prazas da cidade.
O edil informou que o plazo de inscricións abrirá este luns, 4 de xullo, e as prazas asignaranse por rigorosa orde de chegada das solicitudes, que se poderán realizar a través do seguinte enlace: http://formulario.xuventudelugo.gal/ En total, haberá máis de 1.000 prazas dispoñibles para o conxunto das actividades distribuídas do seguinte modo: iniciación ao piragüismo (160 prazas); iniciación ao kaiak polo (160 prazas); paddle sup (224 prazas); rutas en kaiak (128 prazas); barco dragón (320 prazas); acrosport (40 prazas).