Último paso para a eliminación da pasarela metálica de San Roque

LugoXa
O Concello de Lugo aprobará mañá, definitivamente, a urbanización da Esquina de San Roque, para así eliminar a pasarela metálica
pasarela san roque montero rios LUGO
5 Out 2021

O Concello de Lugo aprobará mañá, definitivamente, a urbanización da esquina de San Roque, un proxecto co que se pretende  poñer en valor un enclave no que con flúen dous Bens Mundiais, como son o Camiño Primitivo e a Muralla e así eliminar a pasarela metálica que Notario Vacas instalou como provisional hai máis de 30 anos. 

O proxecto, autorizado inicialmente en maio, recibirá agora o visto bo definitivo da Xunta de Goberno, logo de recibir o informe favorable da Dirección Xeral de Protección do Pa trimionio Cultural e concluír o procedemento burocrático.  

Trátase dunha intervención importante xa que se avanzará no acondicionamento dunha contorna  ao tempo que se resolven,  dunha forma axeitada e permanente as comunicacións de tráfico peonil e rodado en toda a zona.

A actuación prevista implicará a erradicación daqueles espazos que, pola súa configuración actual, resultan insalubres ou entrañan situacións de risco para a veciñanza como  pode ser a pasarela de acceso aos establecementos comerciais. Isto reverterá, igualmente, noutros aspectos da seguridade cidadá, de forma especial en horario nocturno,  porque a reforma pretende minimizar as consecuencias para a poboación por cuestións de xénero.

As solucións aportadas permitirán que o fluxo peonil da Rolda da Muralla teña a súa continuación cunha beirarrúa de 4 metros de ancho, que actualmente non existe, que  conectará co espazo que dá acceso ao edificio lindeiro cara a rúa Montero Ríos. Farase grazas á cesión de terreos por parte da iniciativa privada para mellorar o tránsito peonil, e ao mesmo tempo o tráfico rodado verase tamén mellorado  co ensanche da rúa San Roque, ampliándose o ancho dos dous carrís de enlace coa Rolda da Muralla e incorporando un novo viario para o acceso ao Carril das Flores, onde coexistirán o tráfico peonil e o rodado restrinxido, cun tratamento de firme diferente ao ser Camiño Primitivo. Neste caso, usarase granito con formigón desactivado, que é o que está a preferir Patrimonio. 

Este tratamento diferenciado prolongarase ata o paso de peóns do inicio de San Roque, para que o acceso rodado sexa máis gradual. Así mesmo, o Carril das Flores terá un ancho aproximado de 6 metros na súa zona máis ampla, e de máis de 4 metros na zona de acceso desde a Rolda da Muralla. 

Os muros que se xerarán pola diferencia de cota que vai producir entre Carril das Flores e a Rolda da Muralla revestiranse de sillería de pedra ou cunha solución semellante para integralo na súa contorna. O muro do lindeiro do Carril das Flores máis próximo á futura edificación resolverase cunha baranda. 

A nova urbanización permitirá desenvolver posterior mente neste enclave unha superficie de 607 metros libres para edificacións e espazos  para a cidadanía. 

PROXECTO

Entre outros detalles máis técnicos do proxecto, a proposta de actuación contempla obras de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque (números 5  e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa, son obras que afectan ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal será a obrigatoria a realización das escavacións arqueolóxicas o que esixe, á súa vez, un proxecto de control permanente  sobre as mesmas.

Os traballos completaranse, asemade, coas medidas necesarias para o establecemento  da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria e, en canto ao deseño do firme, procurarase a continuidade do trazado do Camiño sobre a rúa de San Roque e a Rolda da Muralla, sen perder de vista a futura perspectiva dunha recuperación total dos usos peonís en todo o ámbito, dentro  dos futuros plans de mobilidade e circulación que poida deseñar o Concello. 

O proxecto, que será executado pola iniciativa privada, ten un orzamento de 123.757  euros e conta cun prazo de execución de 6 meses 

0.14298295974731