Últimos días para anotarse nas xornadas do Museo Provincial sobre a historia monetaria de Galicia
O Museo Provincial de Lugo mantén aberto o prazo para inscribirse nas VI Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán os vindeiros días 14 e 15 de abril Pazo de Marcos baixo o título A moeda en Galicia desde a caetra ata o euro.
As xornadas, coordinadas pola directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro e o doutor en Historia e experto en numismática Pablo Núñez Meneses, abordan o contexto e a historia monetaria galega desde distintas perspectivas, con intervencións de especialistas das universidades galegas, do Museo Arqueológico Nacional ou do Museu Nacional d’ Art de Catalunya.
O seu obxectivo é difundir a importancia da historia monetaria no conxunto dos estudos e investigacións do noso pasado, contribuíndo a sinalar a súa importancia e poñendo en valor o significado e simbolismos destes obxectos que seguen a ser fontes de información transcendentais.
O programa, cunha vontade divulgativa, está dirixido a todas as persoas interesadas no tema, estudantes, afeccionadas, traballadoras de museos, coleccionistas, docentes ou guías turísticas, entre outros perfís.
A inscrición pode realizarse a través do seguinte formulario ata o xoves 13 de abril. Para obter o diploma acreditativo, será preciso asistir ao 75% das sesións.