Últimos días para inscribirse no Emprega-T Fest

LugoXa
Terá lugar na Praza Horta do Seminario e contará con stands de firmas lucenses
emprega-t-fest
15 Sep 2024

O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, animou aos mozos e mozas lucenses e a todas as persoas que están a buscar unha oportunidade laboral ou queren experimentar unha nova experiencia profesional a participar no Emprega-T Fest, o evento que organiza o vindeiro 19 de setembro o Executivo de Paula Alvarellos, da man do Campus Terra da USC e a Asociación de Empresarios de O Ceao-As Gándaras, para conectar o talento local coas empresas da cidade.

Neste senso, o concelleiro lembrou que “todas as persoas interesadas poden rexistrar os seus respectivos currículos a través da páxina web do evento –https://empregat.arquivalugo.gal/–; así como as empresas que desexen publicar ofertas, tendo de prazo ata o 17 de setembro ás 14:00 horas”. A cita, que terá lugar na Praza Horta do Seminario en horario de 10:00 a 19:00 horas, ten como obxectivo potenciar as oportunidades laborais das persoas demandantes de emprego ou con ganas de mellorar a súa situación profesional.

“Será unha magnífica oportunidade para que as empresas lucenses den a coñecer de primeira man, a través dos seus propios stands, a súa actividade, os perfís profesionais que buscan e as oportunidades de desenvolvemento que ofrecen”, explicou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto.

Esta iniciativa nace do traballo conxunto entre o servizo de orientación e formación do Concello –Espazo Lab–, a Área de Orientación Laboral da Universidade de Santiago de Compostela e a asociación de empresarios que aglutina os dous polígonos da cidade. Unha das prioridades do goberno local é a xeración de oportunidades entre a mocidade e a creación de novos postos de traballo no municipio, co obxectivo de reter o talento e fixar poboación; nesta mesma liña, o Executivo Municipal puxo en marcha a estratexia Lugo Transforma que é pioneira no ámbito local.

Os asistentes ao Emprega-T Fest poderán participar en actividades que faciliten a súa incorporación ao mundo laboral, interactuando con recrutadores de empresas de distintos sectores, asistindo a conferencias e mesas redondas, potenciando as súas competencias e habilidades comunicativas a través dos obradoiros e presentando o seu talento nas entrevistas rápidas coas empresas.

Así, a cita contará con espazos expositivos onde as empresas presentarán a súa oferta de Recursos Humanos e como desenvolver a carreira profesional dentro delas; unha zona de entrevistas rápidas ou Speed Dating, na que se realizarán entrevistas dunha duración de 15 minutos entre empresas e persoas candidatas; así como mesas redondas, charlas de empresas e talleres formativos vinculados ao mercado laboral. Tamén se contará cun espazo de ocio onde as persoas asistentes poderán desfrutar de food trucks e música en directo.

As charlas e mesas redondas estarán impartidas por expertos de diferentes sectores. Nestes encontros informativos e de debate abordaranse temas como as tendencias do mercado laboral, as habilidades máis demandadas polas empresas, consellos para mellorar a empregabilidade e moito máis. “Será unha excelente oportunidade para aprender e interactuar con profesionais experimentados, coa finalidade de descubrir talento e atopar oportunidades laborais”, subliñou Repetto.

Ademais, a través dos obradoiros ofrecerase aos participantes ferramentas útiles e aplicables na búsqueda de emprego. “Haberá actividades destinadas a mellorar o currículo, preparar entrevistas ou desenvolver habilidades de networking” concluíu o edil.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.090572118759155