Un ano e catro meses de prisión para Liñares pola causa da ORA de Lugo
O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo remitiu á Audiencia Provincial a causa na que investigou a presunta adxudicación fraudulenta, en 2009, do contrato de xestión do servizo de regulación de aparcamentos na vía pública (ORA) no Concello de Lugo. O maxistrado emitiu o auto de apertura de xuízo oral despois de que as partes chegasen a un acordo coa Fiscalía, o cal deberá ser ratificado nunha comparecencia convocada pola Audiencia.
No auto, consta que os tres investigados aceptaron ser condenados por suborno e pertenza a grupo criminal. Desta forma, Francisco Fernández Liñares, concelleiro que exerceu entre 1999 e 2008 no Concello de Lugo, e o ordenanza do Concello e delegado da empresa Setex Aparki conformáronse con ser condenados, como autores dun delito de suborno cometido por funcionario e dun delito de pertenza a grupo criminal, a un ano e catro meses de prisión, ao pagamento dunha multa de 6.000 euros e á inhabilitación para emprego ou cargo público durante dous anos. Pola súa banda, o responsable de Vendex en Galicia aceptou, por incorrer nun delito de suborno cometido por particular e noutro de pertenza a grupo criminal, un ano e catro meses de cárcere e o pagamento dunha multa de 6.000 euros.
O xulgado acordou, á vista do informe do médico forense e a solicitude do fiscal, o sobresemento e arquivo das actuacións respecto ao presidente e fundador do grupo Vendex dada “a falta de imputabilidade criminal clara do investigado”.