Un catedrático de Veterinaria lidera a elaboración dunha estratexia global para controlar toxinas mariñas

LugoXa
Luis Miguel Botana será o responsable de definir os criterios técnicos dun sistema de vixilancia fronte ás biotoxinas que será debatido en outubro en Roma
Luis-Miguel-Botana-Veterinaria-Lugo
27 May 2025

A presenza de neurotoxinas mariñas nos alimentos de orixe mariña representa unha das maiores ameazas actuais para a seguridade alimentaria global.

Ante este risco, derivado de fenómenos naturais como as floracións de algas nocivas, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) está a impulsar a creación dun sistema internacional de control.

Para liderar este proceso, a FAO vén de escoller o catedrático da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Miguel Botana López, como experto encargado de redactar o documento técnico inicial que servirá de base para os traballos dun grupo internacional de especialistas.

A cita terá lugar do 6 ao 9 de outubro en Roma, onde se celebrará unha reunión clave na que se revisará e perfeccionará este borrador. O obxectivo é converter este traballo nunha nova Guía Técnica Conxunta da FAO, da Axencia Internacional da Enerxía Atómica (IAEA) e da Comisión Intergobernamental da UNESCO en materia de Oceanografía, centrada no seguimento de biotoxinas mariñas e nas floracións de algas nocivas.

O documento elaborado por Botana abordará aspectos esenciais para os países que reciben asesoramento da FAO, como a clasificación, supervisión e xestión das zonas de produción mariña, así como os procedementos de mostraxe e análise. A folla de ruta que se debaterá aspira a establecer un marco técnico común para conter un problema que, debido ao cambio climático e á globalización dos mercados alimentarios, afecta cada vez a máis rexións do planeta.

⚙ Configurar cookies
0.17510509490967