Un cento de persoas participan na primeira Ruta dos Fornos de Pol

Pol
TerraChaXa | LugoXa
A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación impulsa a recuperación dos fornos tradicionais co apoio á I Ruta dos Fornos de Pol, unha iniciativa que puxo en marcha a asociación de mulleres rurais Olvido e Roteiros de Pol.
I Ruta dos Fornos de Pol
29 Feb 2024

A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación impulsa a recuperación dos fornos tradicionais co apoio á I Ruta dos Fornos de Pol, unha iniciativa que puxo en marcha a asociación de mulleres rurais Olvido e Roteiros de Pol. Máis dun cento de persoas inscribíronse nesta primeira visita que se celebra o vindeiro domingo, 3 de marzo, e que permitirá facer unha parada en seis fornos particulares do municipio.

O vicepresidente provincial Efrén Castro mantivo, xunto ao alcalde de Pol Lino Rodríguez, un encontro coas organizadoras desta cita que busca volver a reactivar estes espazos tradicionais e que se recupere este traballo tradicional que se viña facendo en todas as casas. Dende as entidades explicaron que se trata dun labor en decadencia porque “a xente maior deixou de usalos e os novos quitáronlle valor ou non saben como realizar o proceso, por iso queremos que os fornos que aínda están nas casas recuperen o seu valor”.

Trátase dun percorrido de dez quilómetros e dificultade baixa que comezará na Capela das Neves e percorrerá os fornos de Bernabel, de Labrada, de Pásaro, de Neira, de Mirón e Casa Chaín, onde rematará a visita. En cada un dos espazos poderá degustarse algunha das elaboracións que se fan nos fornos como empanada, bola de queixa, liscos “ao espeto, chourizo, carne ao forno e, para rematar co doce, biscoito de noces e brownie.

Efrén Castro valou esta iniciativa positivamente e sinalou “a importancia destas actividades que poñen en valor o noso patrimonio. Asociacións de Pol puxeron en marcha esta ruta pero pode facerse en moitos concellos da provincia”.

0.1603000164032