Un coche aparcado na Praza Santo Domingo xera malestar entre a sociedade lucense
Algúns veciños do centro de Lugo quéixanse de que hai un coche aparcado na parte baixa da Praza Santo Domingo, fronte a Cajamar, desde hai dúas semanas.
Desta maneira, indican que "non só está todo o centro cheo de obras e tanto a Praza do Ferrol como a rúa de San Marcos teñen lousas en mal estado que dificultan o paso", senón que agora tamén "temos que pasar obstáculos como coches aparcados e vallados no medio dunha praza peonal", critican.
A peonalización da zona centro de Lugo é un tema a debate na sociedade lucense durante os últimos meses, xa que os cambios no percorrido da circulación do tráfico dos vehículos fixo que rúas peonais, como a de San Marcos, sufran as consecuencias das novas peonalizacións noutros lugares como a da Praza do Ferrol e a da Praza Santo Domingo.