Un comezo ilusionante

LugoXa
Boas sensacións para o Breogán no inicio da pretempada na ACB. Xa empezou a pretempada e de momento as sensacións foron positivas.
breogan partido
2 Out 2021

Por Adrián Fernández.

Chegou, por fin, o momento máis esperado, o comezo da tempada 21/22 da ACB e non puido empezar de mellor maneira. Dúas vitorias e unha derrota contra o Barcelona no Palau é o balance, sendo líderes da liga as dúas primeiras xornadas.

Empezaba a liga nacasa, no Pazo, ante un durísimo rival como é o Lenovo Tenerife e as ganas e a tensión podíanse notar no ambiente, pero Musa encargouse deseguido de disipar as dúbidas; 16 puntos sen fallo no primeiro cuarto foi a súa carta de presentación na ACB, e unha demostración do que pode dar ao Breogán. Entre el e  Mahalbasic (12 puntos e 12 rebotes), e unha actuación sobresaínte de todo o equipo, chegou a primeira vitoria do ano (92-73) e líderes, algo anecdótico pero ilusionante.

Despois tocou ir a Burgos entre semana e ver o noso rendemento fóra de casa, e o equipo non defraudou; demostrou que é un equipo serio e que hai que estar ao cen por cen para gañar a este equipo. Burgos acusou as baixas e na segunda parte non puido co vendaval do Breogán, ao final 62-87 para os de Lugo con  Bell-Haynes como máximo anotador con 20 puntos e unha moi boa actuación xeral de todo o equipo celeste, 2-0 e +44 de average mantíñanos líderes unha xornada máis.

Coa sensación do traballo ben feito chegaron a Barcelona dispostos a dar a sorpresa. Esta vez non puido ser, pero a imaxe que deixaron é para estar moi satisfeitos, competiron da ti á ti contra un dos favoritos chegándose a poñer a un punto a falta de oito minutos. Musa o mellor con catorce puntos e outros tres xogadores por riba dos dez para acabar perdendo 78-69.

Un bo comezo para un Breogán que parece que, esta vez si, ten un equipo competitivo e compensado. Co talento de Musa,  Bell-Haynes e Kalinoski e o traballo e sacrificio do resto, encabezado polos irmáns Quintela, que deron un paso adiante, o Breogán é un equipo serio que sabe ao que xoga e que non ten altibaixos nos partidos, algo indispensable para alcanzar o obxectivo da salvación.  Agora vén un mes de outubro cargado con cinco partidos, tres na casa, Betis, Real Madrid e UCAM Murcia, e dous fóra, Unicaja e CAI Zaragoza.

Mentres nos respecten as lesións, parece que poderemos sacar cousas positivas e manter a ilusión durante máis tempo.

0.21328186988831