Un curso de 4x4 completa a oferta do Concello de Lugo na área do motor

LugoXa
A concellería de Xuventude de Lugo ofrece un curso gratuíto de condución 4x4 dentro da programación de ocio alternativo para á mocidade
Cartel Curso de Condución 4x4
16 Maio 2022

O Concello de Lugo continúa a ofrecer á mocidade cursos para acadar un ocio saudable. Así, e logo do éxito acadado polas actividades da área do motor, o Sevizo de Prevención de Drogodependencias organiza un curso de condución 4x4. Esta formación chega logo da alta demanda das de preparación de rally, navegación e copilotaxe.

Así, 36 mozos lucenses poderán desfrutar desta actividade, que terá lugar os días 3 e 4 de xuño, nun primeiro grupo; e 1 e 2 de xullo, para o segundo. Os interesados poderán anotarse dende este mércores, 18 de maio, ás 9, na web www.lugomasxti.org.

A actividade, que será de balde, inclúese dentro da oferta formativa deseñada pola área de Xuventude que dirixe Mauricio Repetto, ao abeiro do programa +Xti que subvenciona o Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas.

“Pretendemos, así, achegar á mocidade lucense, de entre 16 e 40 anos, unha opción formativa capaz de captar o seu interese, que lles proporciona destrezas que os e as capacita para abrir portas dentro do ámbito profesional, outro dos eixes que, dende o Executivo local, pretendemos atender ao tempo que facilitamos unha alternativa de ocio saudable e afastada de hábitos de consumo nocivos”, sinalou o edil.

Repetto Morban lembrou que a iniciativa forma parte da estratexia do Executivo de Lara Méndez, trazada co Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, para habilitar toda unha programación de tipo preventivo, nos ámbitos familiar e educativo, pero tamén de ocio alternativo e, por suposto, cun compoñente didáctico.

0.18441081047058