Un curso de verán da USC falará dos servizos do monte galego
As producións non madeireiras e os servizos do monte galego centrarán a temática do curso de verán da USC que se celebrará na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do 18 ao 21 de xullo.
O obxectivo deste curso, dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro e aberto á participación de estudantes, titulados, técnicos ou calquera outra persoa interesada na temática, é a análise da importancia dos produtos non madeireiros e demais servizos que ofrece o monte galego á sociedade.
“Os cogomelos, mel, pastos, resina, plantas medicinais, froitos e sementes de árbores, froiteiras arbustivas, paisaxe, sumidoiro de carbono, uso recreativo, conservación de chans, calidade das augas, conservación da biodiversidade... constitúen algunha das prestacións ou rendementos que achega o monte á poboación e cómpre a súa posta en valor”, salientan os promotores deste programa, incluído na Universidade de Verán USC 2022 e que conta con financiamento do Ibader e da Deputación Provincial de Lugo.
O programa está estruturado en 30 horas de formación repartidas ao longo de catro xornadas, en quenda de mañá e tarde, comezará cunha aproximación ás particularidades dos sistemas agroforestais, a cargo da enxeñeira de Montes e investigadora da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo Nuria Ferreiro Domínguez.
O aproveitamento dos pastos forestais, a relevancia dos froitos e sementes de árbores froiteiras e as froiteiras arbustivas serán outros dos temas sobre os que versará a primeira xornada do curso.
A apicultura e o aproveitamento da biomasa para a produción de enerxía centran as palestras programadas para o 19 de xullo, cando tamén está prevista unha visita ás instalacións da planta de biomasa de que dispón Greenalia en Teixeiro.
O micoturismo e o aproveitamento sostible de cogomelos, plantas medicinais, resinas..., así como outros servizos ecosistémicos susceptibles de valoración económica serán obxecto de debate na penúltima xornada deste curso da Universiade de Verán USC 2022, un programa que chegará ao seu colofón o 21 de xullo con relatorios sobre as árbores senlleiras de Galicia, o recurso das paisaxes de montaña e a compensación de carbono nos montes de Galicia.
INSCRICIÓN
As persoas interesas en completar este curso poden formalizar xa súa matrícula ata o 8 de xullo de xeito telemático na web da USC ou tamén nas oficinas de que dispón a Área de Cultura da USC nos Campus de Lugo e Santiago. O estudantado da USC que complete este programa poderá solicitar o recoñecemento de dous créditos ECTS.