Un dispositivo de vixilancia controlará a ocupación das terrazas de hostalería

LugoXa
Esta mañá concretáronse os detalles dos dispositivos de vixilancia que o Concello está a desenvolver para garantir que as terrazas de hostalaría se axusten ao espazo que teñen concedido e non causen prexuízo á convivencia cidadá.
hostaleria terraza bar
3 Xan 2023

Esta mañá concretáronse os detalles dos dispositivos de vixilancia que o Concello está a desenvolver para garantir que as terrazas de hostalaría se axusten ao espazo que teñen concedido e non causen prexuízo á convivencia cidadá.

O operativo obedece á necesidade de garantir que este tipo de instalacións non superan a ocupación autorizada nin afectan á seguridade peonil, logo de que a rexedora anunciara, o pasado venres, unha prerrogativa ao sector para mantelas co fin de paliar os complexos momentos económicos derivados da suba da inflación e poder manter, así, os postos de traballo e as economías familiares ás que sustenta.

Desde xeito, Lara Méndez avanzou que axentes do Corpo supervisarán con rigorosidade que se respecten as delimitacións establecidas. “Un labor que se intensificará e no que cotexarán as dimensións sinaladas nas autorizacións co espazo real que acaparan na vía, evitando excesos indebidos que comprometan a protección das e dos viandantes e mesmo o acceso aos inmobles”, afirmou.

A alcaldesa recordou que a medida terá carácter extraordinario e temporal, mentres non entra en vigor a nova Ordenanza que regulará a homoxeneización das terrazas, cuxa elaboración se atopa xa moi avanzada.

E tal e como xa anunciara tamén en días pasados, a rexedora incidiu de novo en que en 2023 se retoma o cobro da taxa municipal correspondente, despois de tres anos de exencións en apoio do empresariado local.

A cota de Lugo é unha das máis económicas das grandes capitais galegas, tras actualizarse o estudo de custos polo que se rexe e no que tamén se tivo en conta o contexto financeiro actual.

Segundo as novas tarifas, a partir do 1 de xaneiro deste exercicio, a hostalaría lucense pasará a abonar polas terrazas que instalen na vía pública 30’84€ ano/m² cando se trate de rúas con clasificación de 1ª categoría, 16’50€ ano/m² as de 2ª e 9’48€ ano/m² as de 3ª.

0.20017004013062