Un estudo piloto planificará o control climático dos barrios da cidade de Lugo
Ante o prognóstico dun futuro climático adverso, que mesmo apunta á previsión de que nos vindeiros anos se alcancen en Europa temperaturas próximas aos 50 graos, o Concello pretende que as futuras urbanizacións que se constrúan en Lugo dispoñan de recursos propios renovables - como a mobilidade, a iluminación ou a xeración de residuos – como ferramentas de resiliencia.
Así, o Concello de Lugo adxudicou esta mañá, en Xunta de Goberno, a contratación dunha asistencia técnica para elaborar un estudo piloto de planificación detallada de zonas de control climático na cidade.
Os traballos, que terán un custo de 45.254 euros e un prazo de execución de 7 meses, centraranse no primeiro barrio multiecolóxico que haberá en España - situado nas Gándaras - aínda que tamén incluirá o análise da praza do Agro do Rolo, co obxectivo non só de proxectar zonas residencias con maior calidade de vida senón tamén de mellorar algunhas das xa existentes.
O Executivo local avanza, así, no cambio de paradigma da planificación urbana, apoiándose na construción de barrios neutros en carbono, capaces de non emanar gases de efecto invernadoiro, en prol dunha cidade combativa co cambio climático.
Con esta actuación, proxectada no marco do LIFE Lugo+Biodinámico, a alcaldesa de Lugo busca aportar solucións de deseño aos barrios en función das variables climáticas, tanto nas edificacións como nos espazos públicos, o que permitirá reducir as emisións contaminantes e diminuír o consumo de recursos materiais, auga e enerxía, creando unha rede acolledora de contornas confortables para a veciñanza.
O estudo recollerá variables como as coordenadas solares, os ventos dominantes e os índices de humidade na área de intervención, así como o aproveitamento das horas de luz, a cuantificación das necesidades térmicas, ou a topografía do terreo, entre outros moitos aspectos que resultan determinantes na xeración do microclima propio de cada barrio.
Alén, o traballo aplicará a avaliación climática á morfoloxía do novo núcleo residencial que se proxecta na Garaballa para definir a orientación das rúas e das edificacións, así como os criterios de deseño dos espazos entre edificios, o uso da vexetación, a selección de materiais de urbanización e o emprego de cubertas axardinadas e fachadas vexetais.
Todas as solucións que se propoñan e que se incorporarán ao deseño final do barrio multiecolóxico deberán contar cunha valoración e incorporar unha ferramenta de simulación do comportamento climático deste espazo a microescala.
Ademais, o estudo contratado realizará a análise doutra zona xa construída, a Praza de Agro do Rolo, para aportar propostas orientadas a mellorar este espazo público no ámbito do confort climático.
A acción forma parte da estratexia municipal LIFE Lugo+Biodinámico, coa que o Concello impulsa unha transformación sostible e verde da cidade con apoios dos fondos europeos e a colaboración da Deputación de Lugo e do Campus Terra, da Universidade de Santiago, e da Universidade Politécnica de Madrid.