Un grupo de estudantes de Lugo, en Italia, foron recibidos no Concello de Lugo

LugoXa
O encontro concluíu coa entrega de agasallos, a saída ao balcón da Casa Consistorial e cun convite a continuar fortalecendo os vínculos entre os dous Lugos
estudantes-de-Lugo,-Italia,-en-Lugo
6 May 2025

Un grupo de 14 estudantes do correspondente 4º da ESO procedentes da cidade italiana de Lugo, que están a participar nun programa de intercambio co IES Xoán Montes da cidade lucense, foron recibidos na Casa do concello  de Lugo.

Durante a recepción, os representantes municipais deron a benvida ao alumnado italiano e ao profesorado acompañante, poñendo en valor a singular conexión entre as dúas cidades que comparten nome e espírito de colaboración.

“Este tipo de encontros son fundamentais para reforzar os lazos de amizade entre pobos e promover un maior coñecemento mutuo”, afirmou Rubén Arroxo.

A visita serviu tamén para dar a coñecer ao alumnado a historia e o patrimonio lucense, facendo fincapé na Muralla Romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, así como noutras referencias culturais da cidade.

Maite Ferreiro destacou “a importancia de fomentar este tipo de programas educativos que enriquecen a formación dos e das estudantes ao tempo que proxectan Lugo como unha cidade aberta e acolledora”.

O alumnado do Lugo italiano amosou especial interese pola lingua galega e pola cultura local, expresando a súa vontade de coñecer máis sobre a identidade e a vida diaria da cidade anfitrioa.

Tanto Arroxo como Ferreiro animaron aos rapaces e rapazas a aproveitar ao máximo a súa estadía dunha semana e a levar consigo unha experiencia enriquecedora que contribúa á amizade entre as dúas comunidades.

O encontro concluíu coa entrega de agasallos, a saída ao balcón da Casa Consistorial e cun convite a continuar fortalecendo os vínculos entre os dous Lugos.

⚙ Configurar cookies
0.1849000453949