Un grupo de investigadores da USC traballa en Lugo por mudar as urxencias climáticas

LugoXa
Sebastián Villasante e José Antonio Sanabria-Fernández, que participan xunto con máis de 200 autores no Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión presentado este luns na Facultade de ADE, achegan recomendacións para neutralizar os “desastres” do cambio climático e evitar o posible colapso da Terra.
18 Dec 2023

Sebastián Villasante e José Antonio Sanabria-Fernández, que participan xunto con máis de 200 autores no Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión presentado este luns na Facultade de ADE, achegan recomendacións para neutralizar os “desastres” do cambio climático e evitar o posible colapso da Terra.

O rumbo que está a tomar o planeta Terra é desastroso e avanza cara ao colapso, tal e como se apunta o último Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión (Global Tipping Points Report), un pormenorizado estudo sobre a saúde do planeta presentado este luns na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC polo profesor Sebastián Villasante e o tamén investigador do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus) José Antonio Sanabria-Fernández, que poñen o foco nas posibilidades de intervir ou, cando menos emendar, a situación actual a través da implementación a nivel global daquelas iniciativas locais que están a producir inflexións positivas.

Villasante e Sanabria, que son responsables da autoría de varios dos artigos compilados neste informe mundial, coordinado polo profesor Tim Lenton da Universidade de Exeter, e no que tomaron parte máis de 200 científicos e científicas de todo o mundo, alertaron da situación de emerxencia que se desprende dun estudo no que se identifican ata 26 puntos de inflexión negativa no planeta Terra. A continuidade no tempo e a suma destes efectos desastrosos poden levar ao colapso, afirman, ao tempo que recoñecen que unha acción coordinada a prol do futuro sostible do planeta aínda podería investir a situación.

“A velocidade da eliminación dos combustibles fósiles e o crecemento das solucións sen carbono determinarán o futuro de milleiros de millóns de persoas”, subliñan estes investigadores, que do mesmo xeito que se recolle no ‘Informe Mundial sobre os Puntos de Inflexión’, tamén recomendan o redeseño dos modelos de gobernanza a fin de diminuír as desigualdades entre os pobos ou valorar nun inventario climático mundial os esforzos feitos por cada país fronte ao cambio climático.

A coordinación das políticas en favor de puntos de inflexión positivos, a abordaxe desta problemática nun foro internacional e o afondamento no estudo das causas e consecuencias dos puntos de inflexión son outras das medidas propostas nun informe mundial que conclúe que xa non é posible “seguir como ata agora”, dado que se están producindo cambios rápidos na natureza e nas sociedades e o quecemento global vai camiño de superar os 1,5 °C, e isto podería provocar, entre outros efectos, o colapso das grandes capas de xeo e a mortalidade masiva dos arrecifes de coral de augas ou unha posible “perda catastrófica a escala mundial da capacidade de produción de cultivos básicos”.

O desxeo de Grooenlandia ou a deforestación da Amazonia son outros dos impactos negativos que se apremia corrixir neste informa, segundo lembraron este luns Villsante e Sanabria nunha sesión moderada polo decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC, Roberto Bande. Neste intervención, os dous investigadores da USC sinalaron como contrapuntos desta inercia negativa e puxeron en valor o beneficio que deparan accións locais con efectos positivos como o son o plan de mobilidade urbana de Pontevedra, e experiencia e conxestión de recursos de pesca artesanal experimentada no porto de Lira e que serviu de inspiración da lexislación lusa e tamén de varias organizacións de Latinoamérica.

0.19849419593811