Un incendio nunha nave de O Ceao mobiliza aos Bombeiros de Lugo

Lugo viviu na noite do mércores un incendio declarado nunha nave do polígono industrial de O Ceao, que quedou extinguido arredor das tres da madrugada grazas á intervención dos Bombeiros.
O lume iniciouse sobre as 21.30 horas nas instalacións dunha empresa situada na rúa dos Transportes, onde se almacenaban repostos e material inflamable, circunstancia que provocou explosións e favoreceu a rápida propagación do incendio.
Tres dotacións de Bombeiros desprazáronse ata o lugar para combater as lapas e evacuar aos traballadores de Talleres Ramos, situado na nave contigua. Tamén colaborou unha dotación do distrito forestal da zona, dependente de Medio Rural, que participou nas tarefas de abastecemento de auga.
A nave afectada non quedou estruturalmente comprometida e non se rexistraron feridos. A Policía Local acordonou a zona e mantivo un retén de vixilancia durante a noite para evitar posibles rebrotes.